A Terra de Melide, gañadora da final do norte en 'Come a comarca': «Vai polos que fan que a nosa gastronomía sexa tan boa»

Iago García
Iago García REDACCIÓN

SOCIEDAD

O equipo da Terra de Melide, coa táboa de cortar valorada en 15.000 euros que os acredita como gañadores da competición gastronómica da Televisión de Galicia
O equipo da Terra de Melide, coa táboa de cortar valorada en 15.000 euros que os acredita como gañadores da competición gastronómica da Televisión de Galicia COME A COMARCA

A última batalla da competición de cociña da TVG permitiu liberdade creativa aos concursantes, que elaboraron un menú avaliado por grandes cociñeiros da nosa terra, coma Xoán Crujeiras ou Yayo Daporta. Pedro Coego, capitán melidense, recoñeceu o bo facer da Terra Chá e da hostalería galega: «ánimo e folgos nestes momentos difíciles para todos»

25 feb 2021 . Actualizado a las 13:43 h.

Que non era un programa calquera notouse dende o comezo. En efecto, cada equipo ía ter, coma sempre, a súa cociña. Onde elaborar o menú. Onde traballar contrareloxo para rematar a tempo as elaboracións de cada prato. Pero desta volta, tiñan cadanseu padriño, para botarlles unha man na conquista do premio. A cantante do Incio, Lucía Pérez, era o apoio dos da Terra Chá: «Esta cociña impón tanto que agardo ser un amuleto de boa sorte». O actor e humorista de Mazaricos, Fede Pérez, faría o propio cos coruñeses da Terra de Melide. «Eu xa teño fame, a verdade», comentaba nada máis entrar no set anticipando tamén o verdadeiro sentido do cociñado ao que se enfrontaban os equipos. Ademáis de rematalo, había que convencer, por última vez, aos 15 membros do xurado na cata. Non era só cuestión de saber. Senón de sabor. As dúas claves deste torneo de cociñeiros televisado nas últimas 11 semanas.

E para saber que sabor era o mellor, os concursantes puideron amosar no primeiro prato a súa capacidade de improvisación. Tratábase dun choco de Sada (A Coruña) recén capturado, co que podían facer o que quixeran sempre que usasen a tinta e fixeran dúas elaboracións con el. A única receita libre da final. O segundo fiábase a unha cachucha de porco crocante con repolo e berenxena. Claro que a cachucha era fresca e había que troceala. Co repolo había que facer unha salsa agridoce con froitos secos. E a berenxena tiña que guisarse con cebola. «Ti estás a ver as súas caras -polas dos cociñeiros-, Gerson Iglesias?», dicíalle o presentador Fran Cañotas ao xefe de salgados mentres explicaba tanta complexidade. «Con todas esas elaboracións imos estar moi apurados», apuntaba o chairego Antonio Vázquez. E a cousa non ía mellorar coa sobremesa. Enténdase mellorar como unha reducción na carga de traballo. O xefe de doces, Manuel Garea, propuxo unha dacquoise, namelaka á lima e rose des sables. É dicir, un biscoito de améndoa cun barquillo crocante, unha crema xelatinosa e ademais mandarina confeitada. «Todo moi francés, típico de Garea», apuntaba o reposteiro de Melide Román Varela. «O seu exame, e máis nunha final, non ía ser fácil», sinalaba Ovidio Pardiño, encargado do doce na Terra Chá. En todo caso, en 120 minutos, todo tiña que estar rematado. Sería así?

A cantante do Incio Lucía Pérez -esquerda-, e o actor e humorista mazaricán Fede Pérez -dereita-, foron os padriños da Terra Chá e da Terra de Melide, respectivamente
A cantante do Incio Lucía Pérez -esquerda-, e o actor e humorista mazaricán Fede Pérez -dereita-, foron os padriños da Terra Chá e da Terra de Melide, respectivamente COME A COMARCA

Un «taller» con moitos «listos»

«Eu miraba para Pablo e pensaba que estabamos nun taller cambiando o aceite a un coche». Esa foi a metáfora que empregou o melidense José Mouriño «Novita» para referirse á limpeza do choco do seu compañeiro Pablo Laya. Na Terra Chá, as mans negras de Diego Pascuais, corrían a mesma sorte. En 'Come a comarca. As batallas' sempre hai retos que cumprir, que obrigan a agudizar o enxeño dos participantes. No caso do choco, Gerson decidiu incorporar marmelo na elaboración. Pedro Coego, capitán dos de Melide, optou por engadirllo a un alioli; e o seu homólogo na Terra Chá, José Luis Álvarez «Bouso», preferiu empregalo nun crocante de xema de ovo e fariña. Decisións rápidas e atinadas, dignas desta fase da competición. «Que listos!», reforza Cañotas esta impresión que tiñamos na casa os espectadores.

Outras propostas non foron tan atinadas. En Melide pretendían facer a cachucha a baixa temperatura. Idea que desbotaron en canto Gerson advertiu do risco que iso supoñía: «É altamente probable que non rematen de cociñala hoxe facéndoo así». «Lume a tope Novita!», escóitaselle dicir a Pedro Coego tan só un minuto despois levando unha pota exprés ao lume. Na Terra Chá, seguiron os pasos do rival.

Na sobremesa, un erro impropio dunha final foi o de confundir o sal co sucre. E pasoulles na Terra de Melide a Román e ao seu axudante, Daniel Fernández. A textura da masa da dacquoise estaba suscitándolles dúbidas. No momento no que Dani procede a catala, cuspe ao momento e emite o seu veredicto: «É sal». «Que pasa, que non probamos as cousas antes de facelas?», critica Manuel Garea enérxicamente. Aínda quedaba tempo para empezar de novo.

«Vexo algo mellor os da Terra Chá»

Nesta final do norte, os 15 membros do xurado que probaban as elaboracións eran profesionais de moita experiencia. Dous deles, tiñan tamén moita sona polas súas aparicións en televisión e pasaron a botar unha ollada ás cociñas. Xoanqui Ameixeiras, presentador na Televisión de Galicia do 'Estache bo', viu máis avanzado o cociñado da Terra Chá. «Non fagades caso, é para meter máis presión», animaba aos seus Coego. Iván Mariñas, finalista de 'Master Chef' 8, non quixo perder tampouco a oportunidade de ver de preto as elaboracións. Recoñecía «estar nervioso, máis por eles que por min», porque o tempo pasaba rápido e en poucos minutos había que rematar. Dito por el, exconcursante do formato por excelencia das competicións de cociña, soa convincente. A acollida, iso sí, quizais non foi todo o boa que el desexaba. «Se queres despois tomamos un café», despachou a interacción con el Ovidio, a quen xa lle faltaban mans para rematar a sobremesa, dando a entender que entre tixolas, potas e fornos a alta temperatura, xa non había espacio -nin tempo- para máis cousas. «Alí non me fixeron nin caso», díxolle a Coego, que sí detallou como lle estaban a dar o toque crocante á cachucha no forno: «cocémola e agora imos torrala ben». «Case gústame máis esta fórmula», recoñece Mariñas, fronte ao emprego da tixola en Terra Chá: «vai facer unha codia moito máis uniforme e bonita, no outro caso a unha daslle unha volta, a outra non...». Bo aporte técnico que rematou mesmo cun convite á cata: «aquí hule que te cagas».

O finalista de 'Master Chef' 8, Iván Mariñas, participou activamente aconsellando aos cociñeiros durante a batalla
O finalista de 'Master Chef' 8, Iván Mariñas, participou activamente aconsellando aos cociñeiros durante a batalla COME A COMARCA

«Vai despacio e curioso!»

Durante os minutos finais, dous golpes de autoridade dos capitáns de cada comarca amosaban de novo o que estaba en xogo. Ser os gañadores do norte supoñía 15.000 euros. «Vai despacio e curioso!», presionaba «Bouso» na Terra Chá a Ovidio, que manga pasteleira de por medio, estaba empratando o doce. «Non nos quece o aceite», advirte «Novita» na Terra de Melide a Pablo Laya, que aínda tiña que fritir parte do choco. «Se vai mal frito, vai mal frito», contéstalle apurado. Apenas un segundo despois, Pedro Coego impoñíase: «Non poder ir así! Ten que ir ben, hostia!». Cando Cañotas grita «tempo!», todo queda visto para sentencia.

«O mellor momento de todos»

Dixera dende o principio que tiña fame, así que cando comezaba a cata, non é de estrañar que Fede Pérez expresase o seu ánimo nesta parte: «este é o mellor momento de todos». Falando do primeiro prato, o choco está, nos dous casos, «nun nivel moi alto», explica Yayo Daporta. Iñaki Bretal destaca un maior equilibrio nun deles, «aínda que algo queimado», e no outro sinala que está «demasiado doce, quizais pola iuca». Con respecto ao segundo, a cachucha, «teño bastantes dúbidas», di Iván Domínguez, do restaurante Nado, pero resalta que o crocante é mellor nunha das dúas opcións. Chegados ao doce, a resposteira Alba Naya indicaba as principais diferencias entre ámbalas dúas sobremesas: «nun falta cocción e maior toque crocante». Outro pasteleiro, Ignacio Naya, botaba en falta nunha das propostas «o toque xelatinoso propio dunha crema namelaka».

De esquerda a dereita, catro dos 15 membros do xurado da final do norte durante a cata: Os cociñeiros Luis Veira e Dani Guzmán; e os reposteiros Alba e Ignacio Naya
De esquerda a dereita, catro dos 15 membros do xurado da final do norte durante a cata: Os cociñeiros Luis Veira e Dani Guzmán; e os reposteiros Alba e Ignacio Naya COME A COMARCA

Votación tamén a cegas

Para manter a emoción na final do norte, e aínda que coma sempre cada equipo tiña unha cor nos pratos que podían identificalos na cata, non ía ser ata o último momento cando ía desvelarse quen era quen. É dicir, primeiro saberíase se o equipo vermello ou o azul era o gañador, e despois cal desas cores era, ben da Terra Chá ou da Terra de Melide. A votación foi en orde inversa a como foi servido o menú. A sobremesa e o segundo prato levárona, pola mínima, os vermellos (8-7). O primeiro prato, o choco, ía ser polo tanto decisivo, cun parcial de 16 a 14 e cos últimos 15 pratos aínda en xogo. Aquí, xa foi contundente a victoria encarnada (11-4). Quen tería polo tanto a cor vermella? «Nunca vin a Bouso tan serio», di Cañotas. «Déixame ver que cor tiñamos, xa verás como cambia a cara», contesta áxil. Cada capitán, rematado o cociñado, escolleu a cegas a caixa que contiña o escarvadentes con cada cor. «O momento de máxima tensión de toda a competición», treme nervioso Pablo Laya. O intre no que Pedro Coego, capitán de Melide, saca a cor vermella, houbo un estourido de felicidade, só ensombrecido polo contexto pandémico: «unha mágoa que nos tocara nestes momentos e non poder celebralo como é debido cos compañeiros». E falando de compañeiros, a todos eles adicaban a vitoria os capitáns: «en Galicia temos a uns grandísimos profesionais da gastronomía e toca mandar unha aperta, ánimos e folgos a toda hostalería por todo o que estamos pasando». Amén.

*Podes ver de novo aquí a final do norte e todos os programas emitidos