Susana Sampedro: «O meu reto en "Método Criminal" foi conseguir que a situación fose divertida sen facer comedia»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

A actriz incorpórase á serie no episodio que emite TVG este domingo ás 22.30 horas

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, a partir das 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de Método criminal, a comedia de humor negro de Voz Audiovisual á que se incorpora a actriz Susana Sampedro.

-Este domingo prodúcese a súa chegada a «Método criminal». A quen interpreta?

-A miña personaxe é unha actriz e produtora executiva que traballa en «A Produtora», que é a compañía que, na ficción, está preparando a serie sobre os irmandiños. Esta é a produción para a que están facendo o casting Luís Iglesia e Adrián Castiñeiras en Método Criminal. Chego nun momento no que os dous están pelexando por ser Roi Xordo e a miña personaxe xogará un papel determinante para desempatar esa loita.

-Igual que no caso de Luis Iglesia ou Adrián Castiñeiras, tamén comparte o nome coa súa personaxe.

-Efectivamente chámase coma min. Eu interpreto a Susana Sampedro (ri). Algunhas cousas desta personaxe poden ter algo comigo e outras non, espero. Iso xa o ten que xulgar a xente cando vexan o capítulo (ri). A Susana Sampedro personaxe quere sacar adiante ese proxecto dos irmandiños e está disposta a loitar por el. O que pasa é que viranlle cousas inesperadas e os seus plans veranse un pouco mesturados co clan dos Canosa, polo que pode pasar de todo.

-Entre o elenco que interpreta a personaxes cos que comparte o nome, nalgún momento tiveron certo reparo a que os espectadores establecesen un paralelismo entre as personaxes e os seus intérpretes?

-No meu caso si. Cando me ofreceron participar en Método criminal como Susana Sampedro, que no meu caso é a primeira vez que me pasa, si que pensas que o que apareza no guión pode deixarte vendida. Pero a verdade é que despois viñéronseme á cabeza moitas series de comedia, como Extras, onde aparecen actores facendo de eles mesmos e, evidentemente, non saen como eles son. Non hai que esquecer que Método criminal é unha comedia e as situacións están moito máis esaxeradas ao igual que as personaxes. Tamén é certo que cando preparas un papel así dáslle moito de ti, como en calquera outro proxecto, porque tamén queres que teña algo teu. Cando constrúes unha personaxe sempre aportas algo dun mesmo porque é o que tes. É moi posible que a Susana Sampedro personaxe desta serie leve moito máis de min ca outros personaxes da miña carreira. Foi un xogo moi divertido.

-A comedia negra conta cuns códigos moi particulares. Isto xoga na contra da interpretación?

-Sen dúbida. Para min o máis difícil nesta rodaxe non ten que ver moito coa miña personaxe senón co xénero en si mesmo. Eu nunca fixera nada de comedia negra. Vira moitas películas e series neste ton e tiña moitos referentes, pero non traballara nunca nunha comedia na que a premisa é que non estás facendo comedia. Ás personaxes estanlle pasando estas cousas de verdade e moitas veces son situacións límite e perigosas, pero o que o espectador recibe é unha situación delirante na que as personaxes o están pasando mal pero a situación en si está facendo graza. O meu reto era conseguir que a situación resultara divertida sen estar facendo comedia.

-Que é o que destaca da serie?

-En Método criminal creo que temos unha cousa moi potente que é o xogo que se establece entre dous mundos tan diferentes. A mestura entre o mundo do crime, co clan dos Canosa e o tanatorio; e logo o mundo da produtora que, a priori, a imaxe que da é de algo moito máis frívolo e lixiero. No episodio do domingo pasado xa vimos que Cecilia fai unha visita a Luis na produtora, pero os dous ambientes atópanse de xeito máis forte a partir do capítulo desta noite e vai xerar situacións moi inesperadas. Non podo dicir moito máis porque o mellor é velo (ri).

-Aínda que vendo a serie pode pasar desapercibido, a gravación tivo lugar en plena pandemia. Esta situación afectou ás súas dinámicas de traballo actoral?

-Eu creo que o que máis afectou foi aos tempos de gravación. No traballo actoral, persoalmente non me afectou. Durante a gravación da serie xa había peches perimetrais e restricións dos contactos sociais polo que, para min, ir a traballar constituía tamén a miña vida social. En Método criminal deuse a circunstancia de que estaba traballando, algo que me fascina e do que me sinto moi afortunada o poder adicarme a estar profesión, e ademais estaba rodeada de amigos. E sobre o que dicía dos tempos de rodaxe, andar coas máscaras obrigada a retocar máis veces a perruquería e maquillaxe, e logo tamén había que prestar máis atención á hora de manter os protocolos estipulados, as distancias e de que sempre estivese o equipo reducido no set. Todos estes coidados ao final xa estaban interiorizados e eran máis mecánicos, pero ao principio levaban tempo.