Pasaporte inmunitario?

José Antonio Seoane CORONAVIRUS

SOCIEDAD

JOSE CABEZAS

10 mar 2021 . Actualizado a las 18:45 h.

Unha epidemia de febre amarela asolou Nova Orleáns no século XIX. Sen cura, sen vacina e sen coñecemento de como se causaba e propagaba a enfermidade, a única defensa foi un proceso de aclimatación, que consistía en contraer a enfermidade e sobrevivir a ela. O resultado do proceso foi dramático: faleceron milleiros de persoas, a metade da poboación infectada, namentres que a outra metade adquiriu inmunidade.

Este drama sanitario tivo consecuencias sociais, políticas, económicas e éticas. A inmunidade converteuse nun instrumento de poder e estratificación social que aumentou a fenda entre as clases favorecidas (os aclimatados, que gozaban de capital inmunitario) e as clases baixas e migrantes ás que pertencía a meirande parte das persoas falecidas (K. Olivarius, 2019). Quen o diría: un elemento de discriminación e inxustiza social con base epidemiolóxica.

Lembro este episodio histórico para reflexionar sobre o pasaporte de inmunidade ou inmunitario, que acredita a condición inmune da persoa portadora. Este documento non é malo de seu e ten de certo aspectos positivos, pois melloraría o exercicio dos dereitos e liberdades das persoas inmunizadas, seriamente restrinxidos nos derradeiros meses, e daríalle un pulo á actividade económica e social. Porén, a súa aceptabilidade depende do contexto de aplicación, dos seus usos e finalidades e das políticas complementarias para as persoas non inmunizadas. E seica nestes momentos non o deberiamos promover con carácter xeral.

Dispoñemos dunha resposta científica máis avanzada para o covid-19, pero non de garantías da efectividade e precisión da inmunidade nin da posibilidade dunha segunda infección ou de transmisión (OMS, 2020), co risco de danos á saúde individual e colectiva. Esta falta de seguridade científica vén acompañada doutras obxeccións, en particular o acceso desigual e non universal ás probas serolóxicas e ás vacinas, que orixinaría novas formas de discriminación e estigmatización e profundaría nas inxustizas estruturais nacionais e, sobre todo, internacionais.

Desde 1937 existe unha vacina para a febre amarela, que debe constar no certificado internacional de vacinación. Este certificado se ten comparado co pasaporte de inmunidade, pero entrambos existe unha diferenza fundamental: o certificado de vacinación incentiva que os individuos sexan vacinados, e dese xeito promove a saúde pública; pola contra, o pasaporte inmunitario vincúlase coa infección, que non é un ben público e que mesmo podería incentivar infeccións voluntarias.

En consecuencia, universalizar o acceso ás probas e á vacina do covid-19 é hoxe unha solución máis proporcionada, equitativa e eficaz que o pasaporte de inmunidade, e tamén unha garantía para a protección dos dereitos e de bens como a saúde, a liberdade e a xustiza de toda a cidadanía, e non só dos aclimatados.

 

José Antonio Seoane é ex presidente do Consello de Bioética de Galicia, catedrático de Filosofía do Dereito da UDC e ex membro do Comité de Ética Asistencial do Chuac