Lugo busca o seu gañador en «Come a comarca»: «Non te mates rapaz!»

Iago García
iago garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Momento no que Manu Moure, reposteiro da Terra de Lemos, escorrega no minuto final do programa   Come a comarca , o momento de máxima tensión nos fogóns
Momento no que Manu Moure, reposteiro da Terra de Lemos, escorrega no minuto final do programa Come a comarca , o momento de máxima tensión nos fogóns

A final provincial situará a Terra Chá ou a Terra de Lemos na final do norte, na que agarda a Terra de Melide. Este mércores, a partires das 23.25 horas, un dos cociñados máis emocionantes da competición gastronómica da Televisión de Galicia

17 feb 2021 . Actualizado a las 19:56 h.

A final da provincia de Lugo da meirande competición gastronómica da Televisión de Galicia, dispútase este mércores (a partir das 23.25 horas) en Come a comarca. As batallas. A Terra Chá, que xa gañou a A Mariña e a Terra de Lemos, vencedores fronte a Chantada, teñen en xogo pasar de fase. Ou o que é o mesmo, tentar ser despois os mellores do norte de Galicia fronte á comarca que xa se impuxo na Coruña, Melide.

Antes de ver as cociñas botar fume, Fran Cañotas, presentador do espazo, meterase de cheo na cultura culinaria dos dous territorios. Así, no caso da Terra Chá, o gandeiro de A Pastoriza Antonio López amosará as bondades do seu rabaño de reses de Tenreira Galega. Na Terra de Lemos, en Deade (Pantón), visitarase A Casa Da Fonte, unha explotación que comercializa derivados lácteos antepoñendo sempre o benestar animal e o pastoreo en liberdade.

Despois chegará o momento máis agardado. Os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, proporán o menú que terán que elaborar a contrarreloxo os dous equipos para conquistar o padal dun xurado composto por 15 expertos gastronómicos. Sopas de allo será o primeiro prato. O segundo estará composto por abadexo confeitado con salsa de alcachofas e berberechos. E a parte doce fiarase a un arroz con leite en dúas texturas, bica branca e amorodos. E ollo, porque haberá sorpresas, retos e visitas nas cociñas que farán aínda máis emocionante o resultado final. Entre elas, as vinganzas dos capitáns dos equipos que eliminaron aos da chaira e aos limegos na rolda anterior. Que traerán pensado dende A Mariña, Bruno Pena -do Hotel Oca Praia de Foz-; e dende Chantada, Antonio Lorenzo -do restaurante A Faragulla-? Por certo, un dos dous equipos a piques vai estar de non rematar por primeira vez o cociñado. «Non te mates rapaz!», diralle Cañotas a un dos concursantes que mesmo chega a caer ao chan nuns minutos finais de tolemia nos fogóns.

Os chairegos estarán capitaneados nos fogóns por José Luis Álvarez «Bouso», do restaurante O Castro da Pastoriza. Canda el, Diego López de Anda e Bulló Xantar en Lugo e o axudante de cociña Daniel Díaz. José Vázquez, da carnicería Frebas en Lugo e o reposteiro Ovidio Pardiño, da Pastelería Ben en Vilalba, completan a formación.

Aos de Lemos lideraos Manuel Fernández, do restaurante Manuel Bistró. Manuel Rodríguez, da Tapería Brancellao e Brais Gómez, do Trespés, acompañarano neste desafío, no que tamén participan o reposteiro Manuel Moure e a axudante de cociña María del Carmen González.

Un total de 16 comarcas galegas participan cada semana en Come a comarca. As batallas, representadas por equipos de cinco cociñeiros profesionais. Os gañadores optan a un premio de 15.000 euros e os finalistas faranse con 5.000.