Os fogóns de «Come a comarca» botan lume na final coruñesa: «Estou ata as narices de ti»

Iago García
iago garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os capitáns de Fisterra e Terra de Melide vivirán momentos de máxima tensión na final do norte desta competición gastronómica, que se emite ás 23.25 horas na Televisión de Galicia

10 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A final provincial de A Coruña chega esta noite a Come A comarca. As Batallas (Televisión de Galicia, ás 23.25 horas). Os cociñeiros de Fisterra e Melide foron os clasificados para disputala despois de vencer a Bergantiños e O Barbanza respectivamente. Manuel Agapito, capitán dos fisterráns, e Pedro Coego, xefe dos melidenses, terán que liderar aos seus equipos para acadar o pase á seguinte fase, que xa será interprovincial: disputarana as comarcas que mellor cociñan no norte de Galicia. Unha será lucense e a outra será a vencedora desta batalla.

Quen se fará coa victoria? Esta incógnita será resolta na competición gastronómica da Televisión de Galicia, que antes de medir no cociñado as habilidades dos profesionais dos fogóns de ámbolos dous territorios, achegarase a coñecer algúns dos seus segredos culinarios. Así, o presentador do espazo, Fran Cañotas, embarcarase na pesca da robaliza no caso da comarca fisterrá e en Melide a cita será con Tania López, unha das agricultoras máis novas do seu mercado e que ensinará na súa horta como é a súa aposta polo produto de proximidade.

O menú que terán que preparar os equipos a contrarreloxo para convencer na cata aos quince membros que compoñen o xurado e acadar o triunfo será presentado polos sempre esixentes xefes de doces e salgados do programa: Gerson Iglesias e Manuel Garea.

Vieira curada, perlas de algas e xamón, magret de pato lacado á cervexa con marmelada de caqui e París-Brest, unha complexa sobremesa, serán os tres pratos que serán elaborados en directo con retos engadidos e algunha sorpresa culinaria inesperada.

Os nervios e a tensión pasarán factura nas cociñas e, como adianto, o capitán fisterrán, chega a dicirlle a Cañotas que acougue cando reta aos equipos con novas e complexas elaboracións: «Estou xa ata as narices de ti». Rematarase a tempo este emocionante cociñado?

Polos melidenses, acompañarán a Pedro Coego, de O Recuncho do Convento, Román Varela, reposteiro da Pastelería Trisquel; José Mouriño Novita, de A Cantina de Eleu, e os tamén cociñeiros Pablo Laya e Daniel Fernández.

Fisterra, baixo as ordes de Manuel Agapito, cociñará con Manuel Díaz, do Parador da Costa da Morte; Miguel Silvarredonda, de Mar Viva en Corcubión; Manuel Antelo, de A Casa do Peixe de Muxía, e Cristian Romero, de As Eiras, en Cee.

Un total de dezaseis comarcas galegas participaron cada semana en Come A Comarca. As Batallas, representadas todas elas por equipos compostos por cinco cociñeiros profesionais. Os gañadores optan a un premio de 15.000 euros e os finalistas faranse con 5.000.