«Estou como unha vara de vimbio», emoción e nervios nos fogóns de «Come a comarca»

SOCIEDAD

Fran Cañotas e Manuel Garea (centro) supervisan o cociñado de equipo de A Limia durante o programa
Fran Cañotas e Manuel Garea (centro) supervisan o cociñado de equipo de A Limia durante o programa .

A Limia e o Carballiño compiten esta noite, ás 23.30 horas na Televisión de Galicia, cun menú que inclúe unha croqueta en vaso e unhas meixelas de porco estufadas

03 feb 2021 . Actualizado a las 19:35 h.

Os oitavos de final da meirande competición gastronómica de Galicia rematan esta noite. Na Galega enfrontáranse dous titáns culinarios da provincia ourensá: O Carballiño e A Limia. Dezaséis comarcas comezaron competindo entre elas en Come A Comarca: As Batallas, representadas por equipos de cinco cociñeiras e cociñeiros profesionais. En xogo, a honra das súas zonas, e nin máis nin menos que 20.000 euros en premios: 5.000 para quen acade a finalísima do programa, e 15.000 para o gañador. 

A comarca do Carballiño é ben coñecida por un pan con moita (e boa) miga, o de Cea. A procura dos cinco concursantes comarcais levará ao presentador do espazo, Fran Cañotas, até A Boa Migalla, que no polígono industrial de San Cristovo de Cea mantén viva a tradición dun produto que chegou os nosos días dende o século XIII, ligado aos monxes do mosteiro de Oseira. E que mellor que mollar pan que no Carballiño, lugar icónico de cocción do polbo. E entre as pulperías de máis sona, Casa Gazpara, restaurante que recentemente ampliou a carta e reformouse cun toque actual. Outras bondades que ofrece para o padal esta comarca coñeceranse en formato líquido da man de Hermanos Paniagua, que dende 1.878 elaboran cremas e licores. Non falta lóxicamente o de café, pero tamén lanzan novos produtos, coma o vermú Povarelo.

No caso da Limia, o recrutamento dos mellores profesionais dos fogóns levará aos espectadores ao corazón da Serra do Xurés. Alí, verase como facer mel neste parque natural compartido coa veciña Portugal, onde por certo, hai moita tradición termal nas beiras do río Caldo. En localidades coma Lobios, a paisaxe está marcada polo encoro de Lindoso, e moi preto coñeceremos a elaboración dun chourizo artesán. Celsa Paz prepáraos na Lareira de Puxedo como sempre se fixo: dándolle verzas aos porcos e afumándoos con leña de carballo.  

Conformados os equipos comarcais, será o momento dun novo e emocionante duelo en Come A Comarca: As Batallas. Os equipos terán que elaborar a contra o reloxo o menú que os xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea, presenten. Neste ocasión, croqueta de setas e nabizas en vaso, meixelas de porco estufadas ao licor café con crema de pataca doce e torta tatín con mousse de mazá asada. Tres pratos, tempo xusto e diferentes retos nas elaboracións porán en apuros aos concursantes nunhas cociñas que botarán lume. «Estou como unha vara de vimbio», chega a dicir o capitán da Limia polo difícil que vai ser rematar a tempo o cociñado.

O equipo carballinés estará capitaneado por Dani García, cociñeiro do Mosteiro de San Clodio, a quen acompañarán os seus axudantes de cociña Román Dacosta e Dani Rivas. Contará tamén con Noelia Valeiras, de Casa Gazpara e Martín Sousa, da Confitería Milhojas de Ourense.  

A formación limiá terá como xefe de equipo a Domingo González, do Hotel Balneario de Lobios, que virá acompañado dos cociñeiros Óscar Paz e Cristian Salgado. Os irmáns Alberto e Pedro Pérez completan o conxunto: o primeiro deles cociña no Auriga Gastrobar de Ourense e o segundo fai o propio na Casa Rosalía de Lobios.