Raviolis recheos de centola, o pesadelo nos fogóns de «Come a comarca»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O Salnés e O Morrazo compiten este mércores, ás 23.25 horas, no concurso gastronómico de TVG

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Come A Comarca As Batallas mergúllase gastronómicamente nas Rías Baixas para atopar as mellores cociñeiras e cociñeiros do Salnés e do Morrazo no capítulo que TVG emite este mércores ás 23.25 horas. Ámbalas dúas comarcas forman parte das 16 que cada semana enfróntanse nas cociñas do programa para facerse co premio final. Ademais do orgullo de ser o equipo e a zona que mellor cociña do país, están en xogo 20.000 euros en premios, dos que 5.000 levaraos quen chegue ata o final e 15.000 irán ao peto dos gañadores.

Esta semana o presentador do espazo, Fran Cañotas, terá que esforzarse para dar cos concursantes que mellor representen o facer culinario destes territorios comarcais. Así, no Salnés, coñecerá o marisqueo a pé na confraría de O Grove e verá de preto a cría de mexillóns nas bateas de Mariscos Laureano, na ría de Arousa. O Morrazo non queda atrás nin en peixe nin en marisco, e unha boa mostra de todo o que ofrece o Atlántico poderase ver na Lonxa de Cangas. E como non todo o que se come sae do mar, o espazo catará os queixos de A Meixoeira, feitos con leite de cabra e que atesouran premios internacionais.

Rematada a tarefa do recrutamento, será o momento de encender o lume na meirande competición gastronómica da Televisión Galicia. Os equipos de O Salnés e O Morrazo medirán as súas forzas nas cociñas de Come A Comarca. As Batallas cun único obxectivo: rematar a tempo o menú proposto polos xefes de salgados e doces do programa, Gerson Iglesias e Manuel Garea.

Desta volta, os pratos que terán que preparar serán unha ensalada de bacallau confeitado, raviolis recheos de centola e unha selva negra trufada de sobremesa. A pasta, elaborada de xeito tradicional vai ser determinante no resultado final, poñendo contra as cordas o bo facer dos profesionais.

Non faltarán os atrancos que compliquen as receitas e inesperadas visitas que porán a proba os nervios da audiencia e dos concursantes. Un emocionante enfrontamento que gañará aquel que conquiste ao xurado nunha cata a cegas. Quince expertos culinarios probarán as elaboracións e o mellor sabor imporase sobre o resto.

O Salnés estará capitaneado por David Pérez, do restaurante D’Berto, en O Grove; e contará con Álvaro Fuentes e Sandra Gómez da Taberna Meloxeira, da mesma localidade. Sabino Montes, do Restaurante Sabino de Sanxenxo, e o seu axudante Pablo Casas, completan a formación.

Pola súa banda, O Morrazo estará liderado por Guti Soliño, de Pandemillo Taberna; Juan Souto, cociñeiro en La Curva de Nerga; Rubén Fernández, de Heladería La Fiorentina, e Sandra Fernández, do Restaurante Chinchorro, todos eles en Cangas. Gloria Gera, do Aturuxo Bar de Bueu, é a quinta e última integrante.