«Na mente do asasino» lembra o crime de Agolada no 1925

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Televisión de Galicia emite a partir das 22.20 horas o documental sobre o cruento crime dun neno de dous anos

26 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No episodio desta noite, Na mente do asasino (22.20 horas, TVG) afondará no crime que implicou a unha familia de Agolada. Eran outros tempos en Agolada en 1925. Na casa dos Mejuto a tuberculose dun mozo de 15 anos converteuse nunha obsesión para a súa familia e acabaron coa vida do pequeno Álvaro, un veciño de dous anos de idade, para sacarlle o sangue.

Déronlle un forte golpe na cabeza e acabaron por enterrar o seu corpo que foi descuberto catro días despois na corte dos porcos. Detrás do acto criminal, atopábase a crenza de que o sangue de Álvaro podía ser a salvación da tuberculose.

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Luis Antonio Giadas Álvarez, historiador; José Carro Otero, médico e antropólogo; Antonio Cendán Fraga, escritor e xornalista; entre outros, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar en que medida as crezas poden ser caldo de cultivo dun asasinato. Natalia Monje, historiadora; Antonio Roma Valdés, fiscal; Ángela Torre Iglesias, doutora en Medicina; e Fernando Serrulla, médico forense, participarán no coloquio.

Na mente do asasino, que produce Voz Audiovisual, é unha serie de quince documentais, acompañado doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.