«Na mente do asasino» lembra o regueiro de sangue que deixou o Grapo en Galicia

H. R. REDACCION / LA VOZ

SOCIEDAD

.

No plató estará o fillo dunha das vítimas do atraco á sede do Banco de España en Santiago

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite a partir das 22.30 horas o documental sobre o Grapo en Galicia. No episodio desta noite, Na mente do asasino, producido por Voz Audiovisual, afondará no funcionamento dos Grapo tendo como punto de partida o asalto que protagonizou o grupo á sede do Banco de España de Santiago de Compostela en 1989. O 10 de marzo dese ano, un comando do Grapo formado por cinco terroristas, entre eles o que sería seu xefe de comandos, o galego Fernando Silva Sande, irrompe a tiros na sucursal. Asasinan os dous gardas civís que custodiaban a entrada: Constantino Limia e Pedro Cabezas. Buscaban un botín de 15.000 millóns de pesetas, 90 millóns de euros.

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Constantino Limia Vila, fillo dun dos gardas asasinados, José Benito García Carril e José Andrés Vázquez Hermida, xornalistas; e Jonatan Rodríguez López, historiador, entre outros, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar os grupos terroristas, as súas motivacións e súas diferenzas e a súa organización. José Luis Limia, garda civil e fillo de Constantino Limia, vítima do atentado; Roberto González, policía nacional; Luis Alamancos; criminólogo; e María Eugenia Insua, psicóloga clínica, participarán no coloquio.

Na mente do asasino é unha serie de quince documentais que analiza algúns dos crimes máis recordados en Galicia.