«Viaxar a Galicia é seguro e pódese facer con confianza»

SOCIEDAD

CONCHI PAZ

Emilio de la Iglesia Lema Xerente de Turismo de GaliciaDespois dun 2020 no que o covid limitou os desprazamentos, De la Iglesia explica as claves do plan de seguridade que rexerá no ano Xacobeo

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun escenario tan cambiante no que a crise sanitaria marca o día a día, ao sector do turismo preséntaselle o ano Xacobeo como un reto para recuperar a confianza dos turistas. É o momento de mostrar a robustez duns plans de seguridade que garantirán a tranquilidade dos viaxeiros que cheguen a Galicia. Emilio de la Iglesia, que vén de coordinar o protocolo de seguridade das eleccións autonómicas de xullo e tamén deseñou os plans para a volta dos traballadores da Administración pública ao traballo presencial, presenta as claves que permitirán que Galicia sexa un destino de confianza.

-É seguro viaxar a Galicia?

-Si, Galicia é un destino seguro. Coas medidas preventivas e de autoprotección que impoñen as autoridades sanitarias, temos que ser precavidos dende as institucións e os propios cidadáns no seu cumprimento. Agora no Nadal, hai unhas normas que se implantaron e están os responsables para darlle cumprimento na rúa e na esfera privada. Galicia é un destino seguro.

-Como se traballa nesa seguridade.

-Actuamos en diversas frontes. No eido do sector turístico puxemos a disposición dos profesionais materiais e manuais que establecen os protocolos de hixiene sanitaria a seguir. Ademais, segue a darse formación aos profesionais. Unha formación certificadora que acredita o coñecemento nese eido. Tamén hai un servizo de asesoramento a disposición dos profesionais para as consultas que poidan ter sobre as medidas sanitarias a tomar en cada momento. Pois non son normas fixas, senón que se adaptan en función da enfermidade.

-Algo que se complementará co seguro para os viaxeiros fronte o covid.

-Queremos garantir a seguridade dos peregrinos neste 2021, por isto tamén estará a súa disposición a contratación dun seguro que abrangue os gastos sanitarios e farmacéuticos que poidan ter lugar. Por exemplo, se un turista contrae o covid na súa estancia en Galicia ou se é contacto estreito dun positivo, se ten que prolongar a súa estancia nun hotel, eses gastos serán asumidos por este seguro. Van ser recibidos con total seguridade. Hai un orzamento moi importante para o Xacobeo, así como medidas de seguridade e campañas para recordar que é seguro vir a Galicia.

-Cales foron os aspectos que máis se tiveron que coidar?

-No turismo en xeral adoptáronse medidas como en todos os sectores. Falamos de medidas organizativas moi claras, como a non confluencia de persoas en hoteis e restaurantes; a limitación de capacidades máximas e a regulación do fluxo de entradas e saídas; o uso obrigatorio da máscara; a limpeza dos espazos unha vez que unha persoa deixa un espazo... Houbo que adaptarse á nova realidade, e o sector respondeu á perfección, pois está moi profesionalizado e estivo á altura da situación, con prontitude e alta calidade.

-É o sector do turismo o que está a sufrir máis nesta crise?

-O certo é que o sector turístico está a sufrir a situación e dende a Xunta recoñeceuse e impulsouse un plan de recuperación turístico, co que se achegou liquidez ao sector e se puxeron en marcha programas como o bono turístico Elixe Galicia. Quixemos impulsar o turismo interno e así reactivar a actividade. Tamén se pagaron moitas axudas directas ao sector turístico. No vindeiro ano destinaranse máis de 35 millóns de euros para un plan de choque.

-Imos cara a un turismo diferente?

-Dende a Xunta traballamos en todas as frontes de oferta turística: turismo urbano, termal… Apostamos por esa nova vertente da sostibilidade turística, buscando unha vertente máis próxima ao medio rural, que tamén permita fixar poboación en lugares que están a despoboarse.

-Que mensaxe lle daría aos cidadáns que pensan en visitar Galicia?

-Que viaxar a Galicia é seguro e que o poden facer con confianza. Velamos polo reforzo das medidas para que así sexa.