Deza sucumbe ante o Baixo Miño: «Era como se me fose a vida nisto»

SOCIEDAD

Alejandro Iglesias, capitán do Deza (esquerda). Miguel Rodríguez, capitán do Baixo Miño (dereita)
Alejandro Iglesias, capitán do Deza (esquerda). Miguel Rodríguez, capitán do Baixo Miño (dereita)

Abultada derrota en «Come A Comarca» da terra do cocido, superada pola unidade e a estratexia dos de Tui. Os do Baixo Miño, clasificados para a final provincial na que se medirán ao gañador do enfrontamento entre O Salnés e O Morrazo

01 ene 2021 . Actualizado a las 12:41 h.

Fran Cañotas é máis novo que Juan Echanove e Imanol Arias. Moito máis. Pero o noso país tamén está «para comérselo», como indicaba o título daquel programa. E de novo, fixo unha aposta decidida por coñecer as comarcas participantes da competición gastronómica da Televisión de Galicia. Un percorrido sempre acompañado do recrutamento dos concursantes.

Na comarca do Deza, os iogures de Kalekoi ou as carnes afumadas de Emdeza, son boa mostra do bo facer desa comarca. Aí apareceron tamén os candidatos a cociñar na batalla. Belén Castro, de Casa Castro de Vila de Cruces ou Alba Varela, de Casa Achacán, deixaron sorprendido a Cañotas cos pratos que prepararon para representar ao seu territorio. Pero foi o que finalmente sería capitán, Alejandro Iglesias, do restaurante Cabanas de Lalín, o que cunha frase resumiu o nivel de esixencia do presentador: «Tes que romper os huevos». Díxoo porque fixo uns ovos con cogumelos e cacheira de porca. Pero pode aplicarse tamén ao difícil que é participar.

Os rivais, o Baixo Miño, tiñan en Tui o seu centro de operacións. De alí era o seu capitán, xefe de cociña dos Paradores de Tui e Baiona, Miguel Rodríguez. Botou man da súa axudante asturiana, Alba Mier e do tamén tudense Judicael Romero. Para ter vantaxe na elaboración do doce, Carlos Fariña, experto resposteiro, foi a súa principal aposta. Raquel Alonso, de Cociñarte Tui, dáballe as comidas para levar do seu local, un toque propio do mellor restaurante. Xa estaban todos. Tocaba a batalla.

Pequenas diferencias marcaron o resultado

O menú que tiñan que elaborar os equipos comarcais constaba de fabellóns frescos, cogumelos de monte e touciño afumado, no primeiro prato. O segundo era un tataki de bonito curado con caldo escuro das espiñas e verdura en escabeche. E quizais, a elaboración máis compricada era a da sobremesa: torta de queixo cítricos e galleta especiada. «Vindo de Garea xa me esperaba algo complexo», remarcou o capitán do Deza nada máis coñecer a proposta do xefe de doces do programa.

En 75 minutos tiñan que estar feitas as 15 racións de cada prato que avaliaría un xurado de 15 comensais nunha cata a cegas. E dende o comezo do cociñado quedou clara cal era a estratexia do Baixo Miño. O seu capitán supervisaría as elaboracións, pero o seu papel ía ser prácticamente dende o banco. Como spoiler do que vén, este Guardiola tiña un auténtico dream team. Algún mango de tixola colleu, pero delegou en Carlos Fariña o postre, en Alba os fabellóns e en Raquel o tataki. No caso do Deza, Alejandro Iglesias, tivo un papel máis activo, encargándose do afumado do touciño, por exemplo. Pero as dificultades sufríronas especialmente as dezanas Belén e Alba. As dúas excelentes cociñeiras nos seus restaurantes, suaron con técnicas e complexidades descoñecidas. O tataki, en mans de Belén e rematado con soprete, viuse penalizado na cata por un caldo pouco reducido e algo «augado». A Alba, atragantóuselle o doce, porque o tempo contrareloxo esixe unha boa planificación. Enfornar a tarta de queixo e especialmente elaborar un dos últimos retos propostos na última parte, unha escuma de iogur de vainilla provocaron suores na resposteira de Rodeiro.

A outra cociña, a do Baixo Miño, non estivo exenta de problemas. Esqueceron botar a metade dos fabellóns e tiveron que apurar ao final: «aí puxémonos un pouco nerviosos», puntualizou Alba. Na cata, que un dos 15 pratos non teña fabellóns pode supoñer perder ese voto. Compartir forno co restos dos compañeiros supuxo para Carlos queimar a galleta. Orde e organización do tempo son dúas das máximas na cociña dos mellores restaurantes. E nas de Come A Comarca, tamén.

Cando parecía imposible asumir maior carga de traballo, aínda quedaba unha nova elaboración. En 15 minutos tiñan que facer unha salsa holandesa. Faise con xema de ovos, manteiga e un toque de limón. Non é difícil para cociñeiros comas estes. Pero o tempo corre e a recta final inclúe o empratado da sobremesa e o preempratado do primeiro e segundo prato. «Se non hai prato, non hai voto», lembra enérxico o presentador na conta atrás. «Andívolle xusto», resume Alba sobre os apuros do Deza.

Ao final, e pese ao abultado do resultado, 38-7 a favor de Baixo Miño, foron pequenos detalles os que supuxeron a derrota e que os pratos que máis gustaran foran na súa maioría os do equipo capitaneado por Miguel Rodríguez: «Fóiseme a vida nisto».

«O importante é participar, pero gañar mola moito», sentenciaba Raquel Alonso. A otra cara da moeda, a de Alba Varela. «Os 15.000 euros para o carallo». Esa é a suma que leva o equipo comarcal de cociñeiros que chegue á final. Ou sexa, que se impoña aos 16 que cada semana participan na maior competición gastronómica de Galicia (mércores, 22.30 horas, na Televisión de Galicia).