Un seguro para incentivar o turismo

SOCIEDAD

PACO RODRÍGUEZ

Os viaxeiros que cheguen a Galicia en calidade de turistas poderán gozar dunha cobertura médica que cubrirá os custos orixinados no caso de infección por coronavirus

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector de turismo galego está de parabéns. A Xunta vén de aprobar no Consello unha iniciativa para a tranquilidade e seguridade dos cidadáns que visiten Galicia no próximo ano. Cun investimento de 1,2 millóns de euros, o Goberno galego financiará un seguro médico que estará a disposición de todos os viaxeiros que cheguen á comunidade en calidade de turistas. Baixo o nome de seguro coronavirus, a medida chega xusto a tempo para o ano Xacobeo.

Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, anunciou o pasado 17 de decembro, tras un Consello da Xunta, que a medida entrará en vigor no primeiro trimestre do 2021 e cubrirá todos os custos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización no caso de infección por coronavirus. A Xunta pensou en todas as casuísticas posibles, e este seguro médico tamén estará dispoñible para aqueles viaxeiros que teñan que gardar corentena baixo prescrición médica e permanecer un tempo extra en Galicia, aínda sen ser un caso positivo.

O seu funcionamento será moi sinxelo e non require de ningún trámite. O vicepresidente primeiro indicou que non será necesario solicitar esta cobertura médica de forma explícita. Ademais, para a tranquilidade dos viaxeiros, terá activo un servizo de atención telefónica as 24 horas do día e en tres linguas: galego, castelán e inglés.

Información compartida

A notificación dun caso positivo a través deste servizo terá que comunicarse á Consellería de Sanidade, que finalmente será a que valide o resultado positivo da infección por coronavirus. A única condición que se establece para que a cobertura médica sexa efectiva, segundo indicou Alfonso Rueda, é que o viaxeiro non se contaxiase da enfermidade antes de ter chegado a Galicia. Tampouco cubriría a un turista que realizase a viaxe a pesar de que as autoridades sanitarias do lugar de orixe o desaconsellasen ou o prohibisen.

«Estamos reforzando esa sensación que ten que ser real de destino seguro e, sobre todo, de recuperación da confianza do viaxeiro nestes momentos tan complicados para o turismo e ás portas do Xacobeo cremos que é fundamental para calquera persoa que pense en vir», indicou Alfonso Rueda sobre a importancia do seguro médico neste contexto sanitario tan inestable e cambiante por mor da irrupción do coronavirus.

Incentivos para o consumo

Ante unha cita tan importante para a comunidade galega como é o ano Xacobeo, a Xunta traballa para incentivar o sector turístico. A iniciativa do seguro coronavirus forma parte dun Plan de choque para reforzar e mellorar a situación tan delicada que viviu durante este ano o turismo. Cun investimento de máis de 35 millóns de euros, o Goberno incluirá medidas como incentivos ao consumo ou apoio para crear paquetes turísticos atractivos neste contexto de pandemia.