Reservar os albergues a través de Internet con total seguridade

A Xunta habilitou unha web para xestionar as prazas, que funciona en paralelo á posibilidade de obter un sitio ao chegar ao establecementoTodo preparado


Quen o desexe, pode planificar as súas estancias en albergues para facer o Camiño de Santiago en Galicia. A Xunta habilitou o pasado verán unha web (https:// alberguesxacobeo. gal/) para levalo a cabo e facilitar a ruta aos peregrinos que apostan por este tipo de aloxamento. Trátase dunha das maneiras máis xenuínas de vivir o camiño e unha das favoritas dos peregrinos.

Pénsase xa no 2021, no que se prevé unha grande afluencia debido ao Ano Santo e onde, ademais, se adoptarán as máximas medidas de seguridade. O interesado en acollerse á rede de albergues públicos galegos poderá, desde casa e cun sistema sinxelo e moi fácil, ter todos os días do seu roteiro perfectamente trazados sen sorpresas de última hora.

Nesa plataforma on line pódense reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago, que actualmente suman uns 70 establecementos e crecerán no 2012. Tal rexistro, ademais da comodidade e a sinxeleza do seu uso, ofrece as máximas garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. A través dela os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar a súa reserva e no que tamén é posible localizar os albergues en función da ruta na que estean situados.

O sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata as 13.00 horas do día de pernoita. Isto convivirá en paralelo coa posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento, sempre que este dispoña de capacidade. Existe unha intención clara de preservar as orixes do Camiño que namorou a tantos peregrinos durante todos estes anos, facendo así compatible este sistema de reserva adiantada por Internet co espírito máis tradicional de acollida xacobea.

Ademais, a través desta plataforma é posible realizar reservas para grupos de ata cinco persoas. Non é preciso rexistrarse, aínda que está aberta esta opción para axilizar o proceso.

Para reservar a súa praza, os usuarios deben completar o seu nome completo, enderezo electrónico, data da reserva e, de xeito opcional, un teléfono de contacto para calquera imprevisto que poida xurdir coa reserva. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta enmarcada no programa Camiño Seguro para facilitar a peregrinación na etapa poscovid-19, cunha maior certeza e seguridade.

Máxima seguridade

A Xunta traballou de maneira intensa para incrementar a seguridade ás necesidades desde momento. Os resultados xa se puideron ver na etapa estival. No marco do programa Camiño Seguro, impartíronse diversos cursos de formación on line en materia hixiénico-sanitaria nos que participaron máis de 300 profesionais, o que amosa o seu compromiso por ofrecer un servizo de calidade en espazos de seguridade.

Ademais, os profesionais dispoñeron (e seguen dispoñendo) dun servizo gratuíto de asesoramento para calquera dúbida que poida xurdir respecto ás novas normas.

As empresas e profesionais que o precisen poden chamar ao 900 815 334 de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas ou enviar un correo electrónico á info-galiciadestinoseguro@xunta.gal.

Con esta mesma finalidade, os albergues privados dispoñen dunha liña de axudas para o sector turístico, dotada con 5,9 millóns de euros. Serviu para a adquisición de material de protección e a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria contra a covid-19.

Supervisión constante do ICTE

Ademais, a Xunta traballa co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), que elaborou un manual a disposición dos albergues con indicacións e recomendacións, así como protocolos de prevención. Ao longo dos vindeiros días, o ICTE prestará apoio para mellorar a experiencia do Camiño, axudando nos procesos de contención dos riscos. En cooperación cos concellos, achegará solucións para puntos como oficinas de información, áreas de descanso ou baños públicos, ademais dos propios albergues públicos, propiciando así corredores máis seguros.

Agora os peregrinos poden reservar dende o seu teléfono praza nos albergues FOTO PACO RODRÍGUEZ

O sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata ás 13.00 horas

A Xunta traballou para incrementar a seguridade para as novas necesidades

No pasado mes de xullo, na desescalada da pandemia, foi cando empezaron a abrir os primeiros establecementos. Concretamente, foron una trintena dos 70 albergues públicos. Tratábase daqueles que contan con máis do 50 % do total de prazas de aloxamento das que dispón o concello neste tipo de establecementos. Despois se sumaron outras instalacións similares que irían abrindo as portas a medida que se ía rexistrando demanda.

Esta apertura escalada foi consensuada con todos os axentes implicados co obxectivo de favorecer a reactivación do sector privado tras os meses de inactividade a causa da crise do coronavirus. A finais do verán xa estaban todos eles operativos cunhas restricións de capacidade (funcionando ao 75 % os privados, mentres que os públicos o facían ao 50%) co obxectivo de fomentar a reactivación económica do sector tras os meses de inactividade a causa das restricións por mor do coronavirus.

Do mesmo xeito, instaláronse carteis informativos coas principais recomendacións contra o coronavirus e proveuse aos establecementos de materiais de protección como xeles e solucións desinfectantes, papeleiras de pedal, luvas ou bolsas. Ademais, inutilizáronse as prazas que non serán ocupadas, instalouse sinalización indicativa para garantir as distancias nas zonas de uso compartido e restrinxiuse o uso de servizos comúns.

A Xunta deu soporte tanto aos concellos como as asociacións que xestionan uns vinte establecementos da rede pública.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

Reservar os albergues a través de Internet con total seguridade