Césareo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia: «Gustaríanos que o Xacobeo se prolongue ata o 2022»

SOCIEDAD

MERCE ARES

O sector turístico galego mira con certa esperanza cara ao próximo ano, pero esixe axudas para sobrevivir aos primeiros meses do 2021

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois dun ano duro e cargado de malas novas, o sector turístico galego mira cara ao horizonte con certa esperanza. Por diante ten unha oportunidade de curar un pouco as feridas provocadas pola crise do coronavirus: o Ano Xacobeo. Santiago de Compostela vestirá as súas mellores galas. Pero o resto de localidades do territorio tampouco deixarán pasar a oportunidade. Porque tal e como explica Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, o sector mantén a esperanza en que o próximo ano pode traer moitas boas novas ás empresas galegas. Iso si, aínda quedan tarefas por facer.

-Que medidas tomará Galicia para converterse nun destino seguro?

-O primeiro que temos que destacar é a implementación dos protocolos hixiénicos e sanitarios. Estas medidas xa se puxeron en marcha na campaña de verán e seguirán a manterse. E, a partir de aquí, outra das medidas que se porá en marcha xa de cara ao vindeiro ano é un seguro que garanta que, en caso de que o visitante se contaxie, os gastos que terá que afrontar a maiores dos que xa tiña contratados estarán cubertos por un seguro de viaxe. Esta é unha medida extraordinaria e garantirá maior seguridade aos turistas que decidan apostar por Galicia. A maiores, o sector galego está poñendo toda a carne no asador para ofrecer as maiores garantías hixiénicas e sanitarias para que o turista poda vir a desfrutar das súas vacacións con toda a tranquilidade.

-Que previsións ten o sector para o ano que vén?

-Gustaríanos chegar aos 2,5 millóns de visitantes. Estamos falando dun 50 % do que tivemos no ano 2019. A previsión que manexabamos antes de que sucedera todo isto da pandemia era de que no 2021 puidésemos chegar ate os 6 millóns de visitantes. Pero iso vai ser moi moi difícil. Todo apunta a que a reactivación empezará a partir do segundo semestre. Temos unha oportunidade única, que é o escaparate do Ano Santo Compostelano. Pero o sector turístico vería con moi bos ollos a prolongación do Ano Santo ata o 2022. Nós nos sumamos á petición que xa fixo a Xunta de tratar de alongar o Xacobeo ata o 2022. Sería estupendo que en outubro ou en novembro puidese vir o papa Francisco a Santiago de Compostela e que el mesmo nos dixese que ía haber unha prolongación do Ano Santo. Sería a mellor noticia porque nos proporcionaría miles de visitantes.

-Que lle diría a unha persoa que está dubidando se vir a Galicia o próximo ano?

-O primeiro, que temos moi bos datos estatísticos. Somos das comunidades nas que hai un menor índice de contaxios. E o segundo que lle diría é que se fixe na tipoloxía dos establecementos turísticos que temos. Galicia nunca padeceu das masificacións que teñen outros destinos. Sempre vendemos Galicia coma unha destino tranquilo, sosegado, sostible e sen masificacións. Un destino, ao fin e ao cabo, para disfrutar. O turismo rural tamén ofrecerá unha serie de vantaxes para ese viaxeiro que quere escapar de grandes mareas de xente. E despois, tamén hai que destacar que esos 5 millóns de persoas que viñeron a Galicia no 2019 saben que aquí se pode atopar tranquilidade.

-Hai moitas esperanzas postas na vacina.

-Por suposto. A recuperación parte da base da vacinación. Se non hai vacina non haberá recuperación. Agora estamos moito máis preparados que hai nove meses, somos máis conscientes de que o virus mata e de que é preferible tomar decisións drásticas para seguir sobrevivindo. Pero o sector turístico precisa axudas para tamén seguir vivo.