58.000 usuarios xa usan a Passcovid

a. g. ch.

SOCIEDAD

cedida

A aplicación, lanzada pola Xunta no mes de outubro, permite coñecer a situación de cada concello, así como se estiveches en contacto cun positivo de covid

31 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa andadura comezou hai pouco máis de dous meses. A Administración galega creou a aplicación móbil Passcovid dentro do seu plan de reactivación do sector turístico e coa finalidade ofrecer unha nova ferramenta informativa e comunicativa na prevención do covid-19. Países como Corea do Sur amosaron e probaron a efectividade destes programas instalados nos teléfonos intelixentes se o seu uso é maioritario entre a poboación. Neste caso, a Passcovid xa conta con 58.000 usuarios que a descargaron nos seus dispositivos.

Información de cada concello

Unha das súas funcións é poder coñecer, en todo momento, cal é a situación epidemiolóxica de cada concello galego: que restriccións se aplican de forma detallada, recomendacións sanitarias e novidades sobre ese municipio. Tamén se pode compobar se a localidade na que estamos forma parte dun peche perimetral ou se non.

Unha aplicación personalizable

Outra das súas vantaxes é que achega a posibilidade de personalizar o contido a través da identificación do usuario. Para iso, soamente é necesario introducir a Chave365. Trátase dun sistema de identificación que permite aos cidadáns maiores de idade ou menores emancipados identificarse ante a Xunta de Galicia, a través do DNI, dun contrasinal e un código dun só uso, que recibirás no teu teléfono móbil.

Feito este paso, poderás recibir avisos personalizados sobre calquera situación concreta que che afecte con relación á crise sanitaria, así como consultar se che identificaron como contacto estreito ou se fuches diagnosticado de covid-19. Neste caso, ademais terás dispoñible a opción de informar telematicamente das persoas que consideres os teus contactos estreitos, dos establecementos nos que estiveches e apuntaches na aplicación, e consultar o código de Radarcovid que che foi asignado.

Rexistro dos locais que visites

Con relación aos establecementos hostaleiros e hoteleiros, a Passcovid dispón da función de anotar no móbil de xeito áxil e sinxelo, mediante a captura dun código QR, os locais nos que estiveches. Así poderás ser avisado se nalgún momento se detecta unha concentración de contaxios nalgún deles. Tamén, se fuches diagnosticado, poderás enviar a túa lista de establecementos ao Servizo Galego de Saúde, e así colaborar coa xestión da pandemia.

Todas estas funcións fan que o traballo dos rastrexadores poida desenvolverse dunha maneira máis efectiva e, en definitiva, poder ter un maior control sobre os novos gromos que se produzan na comunidade. Desde Turismo de Galicia sinalan, ademáis, que todos os datos que achegamos son completamente privados.

«Con quen estamos en contacto é co Sergas e con Sanidade. Calquera cousa que pase dentro do servizo sanitario queda ahí», comentan. De feito, o resto de información que teña a aplicación, no caso de que empreges a chave365, será a xa existente previamente na Xunta de Galicia. Por outra banda, tamén existe a opción de usala de forma anónima. Neste caso, a información que recibas será de carácter xeral.

Versión para o Camiño

Unha vez que a situación sanitaria mellore e o Camiño de Santiago volva funcionar e recibir visitantes, desde Turismo de Galicia afirman que están a traballar para que tamén teñan dispoñible a Passcovid Camiño, que funcionaría en teledirixido para ser incluso máis doada de usar polos peregrinos. Polo momento non se atopa dispoñible.