Gerson Iglesias: «Quero que o público coñeza os ''produtazos'' que temos en Galicia»

Mónica Pérez
M. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O cociñeiro de Ourense exerce xunto a Manuel Garea de «poli malo» durante o programa

27 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Gerson Iglesias dá un paso adiante e sitúase nesta segunda edición de Come a Comarca: As Batallas diante das cámaras para complicarlle un chisco as probas aos concursantes que buscan facerse co premio do programa: ser recoñecidos como a comarca que mellor cociña e levar 15.000 euros en metálico para o gañador e 5.000 para o segundo.

—Na primeira edición do programa estaba detrás das cámaras, pero agora o seu papel cambia un pouco e é máis relevante.

—Si, na primeira edición de Come a Comarca era un pouco o asesor do equipo do programa, estaba por detrás dando algún consello. Agora nesta temporada eu fago os salgados do menú, o primeiro e o segundo prato, e Manuel Garea fai a sobremesa. Intento xogar sempre con produtos da terra, porque estou namorado deles. Para que o público coñeza todo o que hai en Galicia, alén do que xa se coñece habitualmente. Que saiban que hai produtazos, como por o exemplo o pato e outro tipo de carnes e verduras, que tamén se producen aquí. E así axudar un pouquiño aos produtores locais. Esa é a miña filosofía na cociña e intento levala ao programa tamén. Moitos emprendedores están loitando pola súa empresa con alimentos dunha calidade suprema e que paga a pena, na medida que eu poida, quero axudarlles.

—Que busca cando deseña os menús do programa?

—Pois busco un pouco sacar aos cociñeiros da súa zona cómoda, engadindo produtos que ás veces non están tan acostumados a traballar con eles. Garea e máis eu temos o papel de polis malos e queremos sacalos da súa comodidade. Se son dúas comarcas de costa, polo menos que un dos pratos sexa de produtos de interior, por exemplo.

—Nótase a competitividade e a rivalidade no programa?

—Sempre que hai un premio metálico detrás sempre se quere gañar. Entón si que hai unha certa rivalidade, pero tamén che digo que ao rematar as gravacións sempre se xuntan os dous equipos; falan e o ambiente é boísimo. Ás veces hai algún pique porque un equipo tenta desestabilizar a outro, pero como algo san.

—Como complica as elaboracións dos equipos?

—Pois presentando primeiro un prato cunha receita que semella moi sinxela, tentamos xogar con técnicas modernas e pratos tradicionais. Pero temos a misión de poñer croios no camiño... E aí é cando introducimos unha elaboración coa que non contan, que a presentas no medio do cociñado e suma tensión. Por momentos sofren para sacalo adiante.

—Como está vivindo a situación de incerteza provocada pola pandemia?

—Os hostaleiros e hostaleiras somos xente feita dunha pasta especial, dura e loitadora. Si que é certo que hai xente que se vai quedar no camiño pero que doutra forma sairán adiante. Sei que hai participantes de Come a Comarca: As Batallas que están sufrindo, que se lle toca o premio final de 15.000 euros vaille vir moi ben. Dende a hostalaría pensabamos que eramos intocables e ao final por unha cousa microscópica estanos levando a un punto que nunca pensamos que íamos pasar por isto... E lévate a reinventarte, a buscar formas de vender o teu produto. De feito, o envío a domicilio e a recollida é o que está salvando a moitos negocios. Quero aproveitar para mandar o meu apoio a todos os compañeiros e compañeiras que están pasando por un mal momento. Eu agora son afortunado porque estou co programa e na cociña do hotel Oca Vila de Allariz, non me podo queixar.