Victoria pola mínima da Terra Chá en «Come a Comarca: As Batallas»: «Coa carne levamos unha labazada»

Iago García
Iago García REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG

Impuxéronse á Mariña na competición gastronómica da Televisión de Galicia. José Luis Álvarez, Bouso, capitán dos chairegos, destacou o nivel gastronómico dun concurso que mide o potencial de cociñeiros profesionais: «Aquí pode gañar calquera»

24 dic 2020 . Actualizado a las 15:31 h.

Das 16 comarcas que pelexan en Come a Comarca: As Batallas, (mércores na TVG, ás 22.30 horas) a competición gastronómica televisada por ser as que mellor cociñan en Galicia, dúas eran as protagonistas a noite deste mércores: A Mariña e a Terra Chá. En xogo, nun país de comelláns e paparotas coma o noso, estaba o prestixio e a honra. Pero tamén se tivo en conta iso «da vaquiña polo que vale». O equipo comarcal que sexa o mellor dos 16 representantes da nosa autonomía gaña 15.000 euros. O outro finalista, 5.000. Xa era hora de recuperar no prime time aquela cultura do agasallar, tan do Supermartes. E ollo, porque un Seat Arousa, saía máis barato.

Claro que Súperpiñeiro non é Fran Cañotas. Este último deixa antes de que empece a guerra culinaria o papel de elegante mestre de cerimonias e achégase á realidade dos produtos do país. Unha boa forma de dar deste xeito cos cinco cociñeiros profesionais que conforman cada equipo: «onde hai bo produto, sempre hai quen o cociñe», detalla Cañotas como máxima deste recrutamento.

Así, no caso da Terra Chá, un pode ver como dá de comer aos galos e pulardas que cría Xosé Zapata. «Estás no sitio onde naceu o galo de Mos!», espétalle na granxa onde o marrón castaño da plumaxe característica desta raza destaca. Fala de Mos, parroquia de Castro de Rei. No caso da Mariña, esta road movie, esta búsqueda do cociñeiro perdido ao Indiana Jones, lévao aos mercados de Viveiro e Ribadeo, detallándose as bondades de produtos como a pescada de Celeiro ou a Tenreira Galega. Por aí aparecen cociñeiros.

Cañotas coñece os seus restaurantes. Come alí o que a través da pantalla nós como espectadores non podemos e como quen non quere a cousa, está xa todo listo para o grande momento do formato. Foi aproximadamente media hora na que, nunca mellor dito, abrimos boca para o prato forte.

Chámase «As Batallas», pero é unha guerra

E a batalla aínda por diante. Neste caso, e como son catro por provincia as comarcas representadas, a Terra Chá e A Mariña, ían pelexar por meterse na final de Lugo. Despois tocaríalles loitar por ser os mellores do norte. E así poderían chegar á final do programa. O formato lembra ás competicións deportivas por eliminatorias. Quen gañará a batalla?

Aquí o espazo escénico cambia. O set ten dúas cociñas para cada equipo e dous son os acompañantes do presentador que imprimen o carácter necesario nunha proposta na que se mistura a nosa tradición culinaria, co toque innovador que debe esixirlle aos profesionais dos fogóns. Gerson Iglesias é xefe de salgados. Manuel Garea é xefe de doces. Ámbolos dous presentan o menú que teñen que elaborar os equipos, de primeiro, segundo e postre. 15 racións de cada un para outros tantos membros do xurado que nunha cata a cegas decidirán quen gaña. «Buscamos que as elaboracións estén feitas, pero sobre todo o sabor», apunta o de salgados. «Eu quero a perfección», di o bando de doces.

O menú está á altura: Ourizos con escuma de San Simón e xema curada de ovos de codorniz, lombo de porco celta asado con figos e tomates glaseados e finalmente, rolo de Chantilly con trufa dourada. «Controlado, non?», dille o capitán da Mariña, Bruno Pena, cociñeiro no Hotel Oca Praia de Foz ao seu compañeiro Víctor, do restaurante Muro de Viveiro. «Sí, sí...», di con pouco convencemento. «3, 2, 1.. A cociñar!» grita Cañotas. Bouso, capitán da Terra Chá e cociñeiro no restaurante O Castro da Pastoriza dalle ánimos aos seus: «Veña, imos a empezar!».

Comeza de seguido un ir e vir de destrezas, unha sinfonía de úteis de cociña, o espectáculo gastronómico de asistir a un cociñado en directo a contrareloxo. En menos de 90 minutos teñen que telo rematado. E nese tempo hai retos que engaden entretemento no sofá da casa e agobio nos concursantes: ao final faranse 30 ovos de codorniz e non 15, a metade deles escalfados. O postre, xa difícil, suma unha reducción de froitos vermellos.

Cata e reconto, emoción televisada

«Tempo, un paso atrás!», remarca enérxico Cañotas. E agora que? Pois sortéanse as cores, -vermella ou azul- coas que cada equipo estará representado na cata a cegas e falta o dictame do xurado. «A este prato -polo azul- non se lle nota moito a escuma de San Simón», di un dos 15 expertos convocados. «O punto da carne non ten nada que ver», fálase polo baixiño co do lado. «A presentación do postre é mellor neste, pero non sabe a froitos vermellos», di outra trasladando o espectador directamente a este restaurante improvisado. Explicacións que levan a un reconto de votos, no caso da pasada noite, taquicárdico. Os capitáns Bruno Pena e José Luis «Bouso» disimulan os nervios como poden.

TVG

Victoria pola mínima nos ourizos para os da Terra Chá e arrase co porco celta dos da Mariña. Paradoxa sorprendente, que o produto de mar gañárano os da costa e que o cárnico fora para os da costa. Todo quedaba a expensas do postre. As pulsacións aumentan. Só necesitaba catro votos para a vitoria o equipo mariñán. E ao final vitoria pola mínima para os da chaira lucense. O de que as cociñas do programa botan lume, non é unha metáfora.

A semana que vén vivirase un Deza - O Baixo Miño. Quizais Mariah Carey debería cambiar a letra do seu clásico tantísimas veces repetido All I Want For Christmas Is You. Eu como espectador, só quero por nadal Come A Comarca. As Batallas. Bo proveito.

Fran Cañotas: «Estou coñecendo lugares e xente incrible grazas a ''Come a Comarca''»

M. Pérez

Fran Cañotas (Arzúa, 1992) volve exercer de mestre de cerimonias en Come a Comarca: As Batallas o programa de Televisión de Galicia producido por Voz Audiovisual que nesta segunda temporada se volve profesional e moito máis competitivo, enfrontando a cociñeiros profesionais de dezaseis comarcas galegas.

-«Come a Comarca: As Batallas», faise profesional. Cales son os principais cambios?

-Antes competía un grupo de afeccionados que pasaran un cásting, coma en calquera reality de cociña, contra as comarcas de Galicia para o que se recrutaban cociñeiros profesionais, pero agora son todos profesionais. É coma unha competición de Liga de Campións ou de NBA, cada semana vaise eliminando unha ata que chegan as semifinais e a gran final, onde se xogan 15.000 euros para o gañador e 5.000 para o finalista.

Seguir leyendo