Berta Travieso: «Os refuxiados resisten nos campos porque os humanos somos moi duros»

SOCIEDAD

*

Días antes de declararse a pandemia do coronavirus, a responsable de emerxencias de Unicef regresou de Bangladesh

21 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes estivo en Camboxa, no Congo ou en Líbano. Pero o último destino de Berta Travieso foi Bangladesh. Acudiu como responsable de emerxencias de Unicef en Rohingya, unha zona de refuxiados que acolle a case un millón de persoas. Alí, a metade son nenas e nenos. Cruzaron a fronteira dende Myanmar (Birmania) en agosto 2017 e instaláronse no sur do país nun lugar totalmente desprovisto de calquera servizo (auga, luz, vivenda ou saneamento), nunhas condicións terribles.

— Que é o primeiro que se fai nunha situación así?

— Canalizar auga e construír latrinas. Iso é o principal para poder arrancar co resto. E despois fanse escolas, que aquí foron temporais. Ao ser un parque natural tíñanse que facer con bambú. Finalmente construíronse 2.500 escolas unitarias.

— Como se sae adiante así? Pódese vivir nesas condicións moito tempo?

—A maioría da xente que vai para un campo de refuxiados pasará moitos anos alí. Falamos de 12 ou 15 anos. É dicir, eses nenos que hai hoxe alí serán homes cando poidan saír de alí dentro duns anos. Como non hai sitio no que os acepten están alí moito tempo. Como se sobrevive? Os refuxiados resisten nos campos porque os humanos somos moi fortes e duros. Os primeiros que ofrecen axuda son a xente do pobo. O goberno de Bangladesh foi moi xeneroso. Primeiro porque deixaron entrar a case un millón de persoas de golpe e mobilizaron o exército para dar a primeira resposta. Despois chegou a comunidade internacional. Déixanos estar alí con limitacións.

— A que se refire?

— Non poden moverse do lugar onde están. É dicir, non poden saír dos campos.

— Non se dá un problema de rexeitamento aos refuxiados?

—Non todo o mundo está moi contento. Bangladesh é o pais máis poboado densamente do mundo, coa excepción das cidades-estado tipo Mónaco ou Singapur. Hai moitísimas persoas, pouco traballo e poucos recursos. Entón a xente ve que a axuda chega para os refuxiados, pero non para unha cantidade moi grande de xente pobre que tamén viven alí.

— Unicef desenvolve unha campaña mundial de vacinación. Como funciona a sanidade nestas condicións?

—O primeiro de todo é establecer centros médicos de urxencia, aténdese aos feridos e aos enfermos e comézase coas vacinas para os nenos. Os cidadáns de Rohingya tiñan moi pouco acceso ás condicións sanitarias e non estaban vacinados. Ao estar todos xuntos, se hai un brote vaise descontrolar, converténdose nunha epidemia. Vacinamos contra o sarampelo e logo continuamos co calendario regular de vacinas para os nenos. Unicef é o responsable diso. Máis tarde racionalízanse os centros de saúde para que haxa un posto sanitario por un número específico de persoas. A partir de aí comezamos unha atención de rutina: poñemos vacinas, atendemos partos e ocupámonos de todo tipo de medicina básica.

— Tamén estivo no Líbano coa crise siria.

—Si, durante catro anos. O problema é o mesmo: xente que cruza a fronteira porque os estaban matando; pero o contexto é diferente. En Unicef o traballo sempre é o mesmo: conseguir que os nenos sobrevivan e que crezan nunhas condicións óptimas, que teñan acceso á sanidade e tamén á educación. Retomar as clases é moi importante polos efectos que ten para recuperar os nenos dos traumas que viron: bombas, mortes. Cousas terribles. Tamén os protexemos da violencia e da explotación.

— Non chocan cos gobernos dos países nos que traballan?

—Todo o traballo que se fai dende Unicef e parte das Nacións Unidas é porque o propio goberno do país invítanos e chámanos. Nós non podemos impoñer nada, senón que estamos alí para facilitar o traballo do goberno que en moitos casos non conta coa capacidade para dar resposta. Nós imos dar apoio.