«Come a comarca» buscará cal é a zona onde mellor se cociña de Galicia

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

H. Rodriguez

O programa producido por Voz Audiovisual volve con cociñeiros profesionais e moita rivalidade

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Come a Comarca volve este mércores á Televisión de Galicia cunha segunda temporada chea de cambios para seguir mostrando a amplia e variada gastronomía que hai en toda Galicia. Fran Cañotas repite como presentador neste Come a Comarca: As Batallas, producido por Voz Audiovisual, no que agora compiten cociñeiros profesionais.

O programa, que mestura o docushow e concurso gastronómico busca descubrir cal é a comarca de Galicia na que mellor se cociña. Dirixido por Edu Lavandeira (director de Buscadores de Naufraxios, premiado co Mestre Mateo ao mellor programa de televisión), nesta segunda edición presenta moitas novidades, entre elas que cobran protagonismo dous profesionais da cociña que se encargar de deseñar as probas e de non poñérllelo doado aos concursantes. Son Gerson Iglesias, que será o xefe dos salgados, e Manuel Garea, xefe de doces.

Dezaseis comarcas distintas, catro por cada provincia galega serán as protagonistas do cadro de enfrontamentos que semella o dun mundial de fútbol. En Come a Comarca: As Batallas participarán as comarcas de Bergantiños, Fisterra, Barbanza e Terra de Melide pola provincia de A Coruña; A Mariña, Terra Chá, Chantada e Terra de Lemos por Lugo; Baixo Miño, Deza, O Salnés e O Morrazo pola de Pontevedra e Terra de Trives, Verín, A Limia e O Carballiño por Ourense.

Rivalidade e tensión

Tras varias eliminatorias só quedarán dúas que se enfrontarán nunha gran final na que estará en xogo un suculento premio de 15.000 euros para a gañadora e 5.000 para a que quede de segunda.

O equipo que representará a cada comarca estará formado por cinco cociñeiros profesionais que Fran Cañotas irá recrutando na primeira parte do programa, na que tamén falará con agricultores, gandeiros e mariñeiros para por en valor a excelencia dos produtos galegos. Na segunda será cando deberán cociñar e neste punto tanto Gerson Iglesias como Manuel Garea esixilliranlles aos concursantes que cumpran os tempos de cociñado e estean pendentes dos puntos de cocción, entre outros detalles para que o menú chegue ao xurado o mellor posible. O xurando nesta ocasión estará formado por cociñeiros profesionais, críticos e xornalistas gastronómicos, hostaleiros e provedores de alimentación que farán unha cata a cegas.

Come a Comarca: As Batallas herda da pasada edición o protagonismo da comida tradicional galega, por iso os menús están compostos por tres pratos (primeiro, segundo e sobremesa) típicos de Galicia. Iso si, os menús conformaranse de maneira que ningunha comarca teña vantaxe por diante da outra.