Federico Pérez e Victoria Teijeiro: «No que falta por ver de ''A lei de Santos'' está o mellor»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite o vindeiro domingo un novo episodio da serie derivada de «Serramoura»

27 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro domingo, a partir das 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio de A lei de Santos, a ficción de Voz Audiovisual que da continuidade ao personaxe de Santos de Serramoura. A actriz Victoria Teijeiro e o actor Federico Pérez interpretan a Ánxela e Lourenzo, tenente e garda do cuartel de Viladesantos.

Pregunta. Quedan tres episodios de A lei de Santos. Que agarda nesta recta final?

Federico Pérez. No que falta por ver de A lei de Santos está o mellor. Non é que o de agora fose peor nin moitos menos, pero facendo un símil ciclista, quedan os portos de primeira categoría. Hai un xiro interesante que hai que ver e saber quen é quen realmente.

Victoria Teijeiro. Quedan moitas sorpresas. Hai personaxes nos que se verán as súas partes máis vulnerables porque cando un está en momentos extremos poden aparecer aspectos dun mesmo que non coñecía e os espectadores verán facetas dalgúns deles, que pensaba que coñecía, pero que poden sorprender para ben ou para mal.

P. Interpretan a un garda e á tenente da Garda Civil. Que particularidades teñen estes personaxes?

F. P. Lourenzo é moi particular en xeral e non podería destacar algo en concreto [ri]. Lourenzo é un tipo que bota man do que el cre que é a súa intuición aínda que anda un pouco trabucado. En xeral faille máis caso ao seu brazo que á súa formación como garda. Lourenzo faise de querer por ese lado case infantil que ten.

V. T. Eu aproveito para recoñecer que son seareira de Lourenzo porque é desta xente que no día a día podes estar ata arriba pero se algún día falta dáste conta do valor que ten. En canto á miña personaxe, a min encantaríame que Ánxela puidese expresar máis os seus sentimentos, porque parece que, ao estar no posto de mando e ser muller, semella que non ten espazo para contar como está. Ao principio parece que en Viladesantos está aburrida porque nunca pasaba nada, pero agora está un pouco desbordada e non sabía valorar a tranquilidade do día a día.

P. A relación que manteñen Ánxela e Lourenzo, polo menos da parte de Lourenzo, é moi particular. Como a construíron?

F. P. Efectivamente, aquí quen ten que falar son eu, ou Lourenzo, porque Ánxela non ten nin idea do que está pasando ao outro lado [ri]. Esta relación non deixa de ser unha proxección dos «lourenzos e lourenzas» que hai no planeta. Esta xente que sufre en silencio esas emocións cara outra persoa. Así como Lourenzo é moi transparente para certas cousas e non ten filtros, cando se trata de amosar os seus sentimentos cara outra persoa é moi torpe e ten que aprender a xestionalo.

V. T. Tanto Lourenzo como Ánxela son dous prototipos que sempre funcionan. Temos a un personaxe que lle da voltas a todo e outro que é acción. Isto como contrapunto é estupendo. Ela tamén oculta o seu amor por outro personaxe pero doutro xeito. A fin de contas é un triángulo amoroso que sempre funciona.

P. Toda a situación que se desencadeou en Viladesantos colleu por sorpresa ao cuartel. Conseguirán endereitar a situación?

F. P. Nun lugar no que non estaban moi afeitos a tanto movemento e o que podían agardar podería ser o atropelo dunha vaca ou un conflito de marcos, agora que teñan que investigar un posible asasinato e o roubo dun banco fáiselles unha montaña. Neste momento teñen que empezar a dar pasos cara diante porque senón a situación pode rebentar para mal. O conflito que arranca este domingo é moi potente e terán que manexalo como poidan e facelo do mellor xeito posible.

V. T. Lembro o primeiro día que ensaiamos co director e dicíanos que A lei de Santos era unha serie de pistoleiros á galega. Entón claro, o galegos rematamos as cousas. Polo que se acabamos con todos ou non en A lei de Santos, xa se verá [ri].

P. Que destacan do seu paso pola serie?

F. P. En A Lei de santos tivemos moi bo ambiente. No meu caso coas que máis tempo compartín foron Victoria e Lidia Veiga e os tres rímonos moitos e pasámolo moi ben. Cando gravamos a serie non tiñamos no horizonte a situación pola que estamos pasando agora polo que creo que foron risas que aproveitamos para o que veu despois. Non hai nada máis bonito que traballar a gusto.

V. T. Para min A lei de Santos fíxoseme moi curto. Entrar nunha serie na que xa hai personaxes que teñen moito instaurado facilita moito e entramos todos nese universo. Estar no cuartel foi un auténtico pracer e quedei con ganas de poder explorar aos personaxes un pouco máis porque tiveron pouco percorrido.

P. Como valoran a resposta dos espectadores?

F. P. A parte do tema numérico das audiencias, onde o máis o notas é na rúa, no día a día, e a verdade é que está gustando. Supoño que a quen lle gusta diracho e a quen non pois, con toda a educación do mundo, non di nada. Pero en xeral noto que ten boa acollida e a xente o pasa ben cos episodios.

V. T. Eu no meu barrio noto máis respecto polo tema do uniforme [ri]. Si que se nota que a acollida foi boa e incluso houbo xente que non coñecía Serramoura e que se enganchou a A lei de Santos. É un produto fácil de ver e que non esixe ter visto a outra serie.