O crime de Maceda, en «Na mente do asasino»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Televisión de Galicia emite a partir das 22:30 horas o documental sobre un crime de envelenamento que aconteceu neste municipio ourensán

10 nov 2020 . Actualizado a las 12:44 h.

Unha bolsa de plástico colgada na cancela da súa leira do municipio de Maceda. Unha bolsa sen nada a priori sospeitoso: unhas peza de froita, dúas latas de conservas, outra de cervexa e unha botella de viño. Todo iso foi o que atopou a vítima, Felisindo González de 64 anos, na súa finca de O Pereiro. Pensou o que pensarían moitos, que algún camiñante ou cazador tería esquecido o seu contido alí. 

Unha trampa letal que lle tendera alguén que o coñecía moi ben. «Vou morrer coma un can» foi o último que alcanzou a dicir tras beber un vaso de viño que levaba estricnina, un veleno mortal. 

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; José Luis Ferreiro, Garda Civil; Milagros González, curmá da vítima; Matías Estévez, veciño e amigo da vítima e José Ramón De Dios, avogado entre outros, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos. 

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar as diferentes formas de matar. Luis Alamancos, criminólogo; Ana Sacau, psicóloga criminal; Ana Losada Gil, forense; e Manuel Fernández Blanco, psicólogo clínico, participarán no coloquio.

Na mente do asasino é unha serie de quince documentais, acompañado doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.