Sonia Castelo: «No segundo episodio de ''A lei de Santos'' entramos na esencia da serie»

TVG emite esta noite, ás 22.30 horas, outro capítulo da ficción sobre o icónico personaxe do chatarreiro de «Serramoura»


redacción / la voz

Esta noite ás 22:30 horas, Televisión de Galicia emite o segundo episodio de A lei de Santos, a nova ficción de Voz Audiovisual que da continuidade ao personaxe de Santos, un dos máis icónicos de Serramoura. A actriz Sonia Castelo tamén participa na ficción no papel de Antonia.

-Como foi a acollida do primeiro episodio?

-A verdade é que recibín moitos comentarios e todos moi bos. Non tiña ningunha dúbida porque Santos é todo un universo en si mesmo que arrastra a moitos seguidores e non dubidaba de que querían saber máis del. A Lei de Santos non vai defraudar porque aínda que o universo é máis pequeno que o de Serramoura, pasan moitas cousas. Ver a Santos despois de pensar que ía de vacacións e a descansar, nada máis lonxe da realidade, ten moito atractivo. Esta é unha serie cunha entidade propia moi ben creada, cun universo definido e ten moitos ingredientes para agradar ao público. É moi divertida, ten un sentido do humor moi negro e creo que hai interpretacións estupendas. Todas estas aventuras non poden ser mellor para pasar a noite dun domingo.

-Que é «A lei de Santos»?

-Para min A Lei de Santos é un wéstern tarantiano cunha atmosfera, unha trama, ben distintas para min do que se ten feito na Galega, se ben sempre aposta por historias diferentes. Para min A lei de Santos é iso, é un wéstern con moita comedia e moita acción. Para os que son seguidores de Serramoura, desde logo que é ir aos comezos e ás orixes do personaxe. Cando volve á súa casa vese envolto en cousas que nin sequera imaxinaría. El tamén ve que as cousas cambiaron nesa vila, en Viladesantos.

-Que é o que atopa Santos cando volve á súa vila natal?

-Santos ven de ser o rei en Serramoura e chega a un sitio onde as cousas son ben distintas. En Viladensatos atópase cunha Garda Civil moi atenta ao que fai e con algunha sorpresa dentro do corpo [ri]. Santos tamén atopa a Antonia, unha muller á que non coñece de nada e na que, por primeira vez, atopará a alguén que impón a súa propia lei. Ao mellor parécense máis do que eles cren.

-Quen é Antonia?

-Para min Antonia é a antagonista de Santos. A Santos sorprenderanlle as cousas que ela chegará a facer, que el mesmo fixo, que fai e que seguirá facendo. Non sei se chegarán a ser socios ou todo o contrario.

-Como se enfrontou a unha personaxe destas características?

-Cando me pasaron os guións da serie vin en Antonia ouro puro. Eu construína desde ese medio sorriso case constante e que parece que non se move por nada. Parece que non ten sentimentos ou se os ten, ao mellor son diferentes aos dos demais. Antonia é unha tipa moi valente, con moitas ganas de defender o seu e que non se arreda por ninguén. É unha personaxe de wéstern, impón a súa lei e vai ata onde poida, aínda sabendo que se vai tan lonxe pode perder.

-Supuxo algún reto desde o punto de vista interpretativo?

-A todas as personaxes queres sacarlles algo. Neste caso pareceume moi doado sacarlle cousas porque Antonia paréceme dunha comicidade extrema. Normalmente non me chaman para comedia e é verdade que isto non é comedia ao uso, pero ten un sentido do humor negro que a min encántame e co que conectei moi axiña. Por iso a construín a partir dese medio sorriso que non se lle move nin coas cousas máis desapiadadas e sempre dentro dese código de wéstern. Ademais neste caso tamén foi moi sinxelo enfrontarme a Antonia grazas aos diálogos porque cando están ben escritos sácaslle o mellor dos partidos.

-Cal vai ser a evolución de Antonia na serie?

-Podo dicir que Antonia está aí onde haxa problemas. Non é que estea aí por casualidade, senón que ela tamén os busca. Verase metida nunhas leas que non veñen por casualidade. Ela ten un lado escuro e contar o que lle pasa non é tan esencial como contar como é o seu carácter e a súa maneira de entender a vida. Antonia vai ofrecer moitas aventuras.

-Que importancia ten a historia nunha ficción?

-Coma sempre as historias contan e temos que contar historias de noso. A Galega sempre se definiu por iso. Hai éxitos que tiveron eco máis alá das fronteiras galegas e podemos estar orgullosos de todo iso pero para que isto siga sucedendo, hai que querer que siga sucedendo.

-Que pode adiantar do episodio desta noite?

-No segundo episodio para min é cando entramos na esencia da serie. Se no primeiro capítulo volvíamos ás orixes de Santos para poñer ao espectador no lugar onde van pasar as cousas, neste episodio empezan a pasar as cousas e non van parar ata o último capítulo. A clave do segundo episodio é esa, aquí empeza o wéstern.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Sonia Castelo: «No segundo episodio de ''A lei de Santos'' entramos na esencia da serie»