«Serramoura» reúne a máis de 90.000 espectadores na súa despedida

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O «thriller» de TVG terá unha serie derivada, «A lei de Santos», que arranca o vindeiro domingo

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Serramoura despediuse para sempre dos seus seguidores coa emisión do seu derradeiro capítulo, o número 173, o pasado domingo. Con el pechou o seu percorrido o thriller máis lonxevo xamais emitido en Televisión de Galicia, que arrancou a súa andadura o 5 de outubro do 2014. Un 11,6 % da audiencia seguiu esta despedida cunha suma de 92.000 espectadores. O fin da serie situouse a pouca distancia de La película de la semana, en La 1, que acadou un 11,4 % e 101.000 espectadores con Loving Pablo; e con datos moi similares ao debate de La isla de las tentaciones, en Telecinco, que foi seguido por 99.000 persoas (un 16 % da audiencia en Galicia).

Ao longo dos sete capítulos desta última temporada Serramoura acadou rexistros de cuota de pantalla moi similares aos da última emisión. O primeiro e o terceiro episodios foron elixidos por un 11,8 % da audiencia. En canto a cifra total de espectadores, o segundo e o terceiro capítulos tiveron máximos de 101.000 seguidores. A media dos 173 capítulos emitidos foi dun 12,9 % de share, 133.890 espectadores y un 5,1% de rating.

O capítulo está dispoñible para ver de novo a través da web de TVG no apartado de programación á carta.

Antes e despois da última emisión, TVG ofreceu un programa especial que reuniu ao elenco principal da serie. Nel deuse a coñecer unha noticia sorpresa para os serramourers: trátase da estrea dunha serie derivada que levará por título A lei de Santos que estará centrada no papel do célebre chatarreiro e que comeza o vindeiro domingo.

«A serie vai contar de onde ven Santos e de onde lle ven o nome. Vanse contar moitas cousas da súa vida pasada e do futuro post-Serramoura», explicou o actor Monti Castiñeiras, que intepreta a este personaxe, no programa especial deste domingo.

Despois da súa marcha da vila madeireira de Serramoura, Mario Piñeiro, alias Santos, volve a súa vila natal de Viladesantos, o lugar onde medrou e onde ten amigos, inimigos e familia. O regreso do fillo pródigo esperta as suspicacias de moita da xente do lugar. Non é ben recibido por ninguén, especialmente polo único familiar que lle queda vivo: o seu tío, Constante Folgoso, párroco de Viladesantos.

Porque, aínda que Santos sempre asegurou que medrara nun entorno criminal como un xeito de alimentar ao seu personaxe transgresor, a realidade para el foi moi diferente: de neno, mesmo foi sancristán da súa parroquia.

O seu regreso levanta moita expectación na vila porque a súa chegada coincide coa misteriosa morte dun dos seus veciños, un suceso inédito na vila. Coa súa fama e os seus antecedentes, todas as sospeitas en torno ao suceso poranse enriba de Santos.

Pero o seu verdadeiro obxectivo en Viladesantos é outro ben distinto. O chaterreiro quere dar un novo golpe, o último, e parece ter un plan.

Ademais de Santos, os personaxes de Peixe e Pancho, de Serramoura, tamén se incorporarán a esta nova ficción. «Imos atracar un banco», avanzou Monti Castiñeiras, que lles dixo aos seguidores: «Ides saber moitas cousas polas que vides preguntando tanto tempo».

A nova ficción conta entre o seu elenco con Monti Castiñeiras, Xabier Deive, Andrés Giráldez, Sonia Castelo, Iria Sobrado, Lidia Veiga, Federico Pérez, Victoria Teijeiro, Carlos Villarino, Mercedes Castro, Marcos Vieítez e Xoán Fórneas, entre outros.