O crime do Chucán protagoniza esta noite en TVG «Na mente do asasino»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O documental sobre o suceso e o debate de análise emítense a partir das 22.30 horas

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia, emite a partir das 22.30 horas, o documental sobre o crime que aconteceu na aldea de Arxemil, en Sober, en setembro do ano 2007. No episodio desta noite, Na mente do asasino afondará no crime que cometeu José Carnero, máis coñecido como O Chucán.

Era un venres pola noite cando O Chucán, un veciño da aldea de Arxemil, en Sober, marchou ata Ourense para recoller á muller que viña contratando nos últimos tempos. Un veciño e un familiar atoparon o corpo sen vida de Pilar Palacios, que recibira un forte traumatismo na cabeza, no cortello de José. Foi detido preto de Forcarei e posteriormente levado a xuízo.

O xurado popular decidiu que non había probas suficientes para poder condenalo. Pero tempo despois, José Carnero confesou ser o responsable dos feitos. Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático de psicoloxía criminal; Carlos Cortés, xornalista; Jovita Chantres, que formou parte do xurado popular; Tomás Pérez, garda civil; amigos de José Carnero, María Jesús Tapia e Iván Torres, avogados; entre outros, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

No debate posterior en plató, o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar se os xurados populares están preparados para condenar ou absolver a un acusado de asasinato. Antonio Roma Valdés, fiscal; Jorge Temes e María José Rodríguez, avogados; e Manuel Fernández, psicólogo clínico participarán no coloquio.

Na mente do asasino é unha serie composta por quince documentais que van acompañados doutras tantas mesas de análise e debate posteriores presentadas por Pablo Carballo. Estas afondan nos impulsos e nos pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis impactantes dos últimos tempos.