O outono estoupa a carón do Miño

SOCIEDAD

Óscar Cela

É o momento para ver as cores tomando forza nas árbores e pasear por pontes colgantes deste río en Outeiro de Rei

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan só hai un mes que comezou o outono, pero parece que o inverno xa está tentando irromper con auga e viruxe na estación sobre a que escribía Uxío Novoneyra. Polas aldeas do interior da provincia de Lugo, as chemineas botan fume e regálannos unha das paisaxes máis auténticas deste rural do que ultimamente tanto se fala e que tan pouco se apoia. Aínda que os espazos naturais se poden visitar durante todo o ano, non en vano é necesario insistir en que hai que volver na tempada de outono. É entón cando todo muda de cor e aparece unha gama cromática que vai da man dunha viaxe sensorial ben distinta á do resto das estacións.

A transición do marelo ata converterse en vermello, e fundirse ao mesmo tempo en marrón, déixase captar nesta época do ano. Por iso, os montes ofrécennos unha instantánea inspiradora, especialmente en tempos de coronavirus. E máis, co paso dos meses.

Pasear a carón do río Miño no outono é algo tan accesible que pode resultar incluso insignificante. Pero a realidade é que, por desgraza, tivo que chegar a pandemia para tirar do freo de man e por a saúde no centro das nosas vidas. E poucas cousas hai mellores para o corpo e para a alma que pasear pola insua de Seivane, no concello lugués de Outeiro de Rei. Para chegar ata ela é necesario atravesar unha das pontes colgantes máis máxicas de Galicia: a ponte de Parada, que conta cunha extensión de 30 metros.

Ruta de sendeirismo

Desde este pequeno paraíso é posible acceder a unha ruta de quilómetro e medio que discorre polos arredores da illa e que é ben doada de facer. Xa cos pés nestas terras, o espectáculo comeza. As cores toman forza entre árbores autóctonas. As follas de bidueiros, salgueiros e carballos mestúranse nun chan que se converte nunha alfombra natural capaz de soster por uns minutos as inseguridades máis pegadas.

A tan só dez minutos da cidade da muralla hai un espazo aberto que ten un valor paisaxístico que se exalta aínda máis durante os meses do outono. Ademais, a illa, dunha extensión de doce hectáreas, está bañada polas augas do río máis longo da comunidade galega: o Miño. Nas inmediacións da Reserva da Biosfera, na insua de Seivane todo é posible. Chegar, pedalear, bicar ou calar.