Uxía Blanco e Alfonso Agra, actores de «Serramoura»: «O final da serie vai ser un tobogán de emocións»

H. A. REDACCIÓN

SOCIEDAD

Uxía Blanco e Alfonso Agra, actores de «Serramoura» revelan cómo vai ser a despedida da mítica ficción audiovisual

18 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo ás 22:30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio da temporada final de Serramoura. Os actores Alfonso Agra e Uxía Blanco, o tenente Tomás Pendeo e Teresa Soutelo na ficción, valoran o seu paso pola ficción

-Tan só quedan por emitir dous episodios da temporada final de Serramoura. Que atoparán os seguidores da serie nestes últimos episodios?

-Uxía Blanco. Nestes últimos capítulos, a adrenalina vai saltar polo aire. Cousas fantásticas e terribles agardanlles aos seguidores de Serramoura. Tensión brutal. Verdade. Risco incrible... O final da serie vai ser un tobogán de emocións que case chegará ao infarto (ri).

-Alfonso Agra. Despois de seis anos atentos ao que pasaba na serie, creo que ver o final é fundamental. O final da serie non desmerece todos os anos de percorrido de Serramoura e tan só pola curiosidade de ver o que acontece, non teño dúbida de que todos os seguidores van estar moi pendentes. Agardo que pronto nos vexamos noutra.

-Aínda que hai varios meses que rematou a gravación da serie, sentides que agora é cando chega o final?

-U. B. O final de Serramoura vívoo con agarimo e nostalxia. Foron varios anos de convivencia creativa cun equipo excelente de técnicos e actores pero sobre todo, foron anos de unidade e ilusión. Convertémonos nunha familia divertida e entrañable. Gustaríame que non acabase nunca.

-A. A. Pola miña parte hai unha parte boa e unha parte mala. Cando levas moito tempo un proxecto, normalmente tes ganas de cambiar un pouco de aires, sobre todo neste caso que Serramoura é unha serie con moita violencia, e estaba canso desta vertente. Pero por outra parte lévoo con tristeza porque se acaba un traballo que cumpriu seis anos desde que empezamos, e volver a entrar nun proxecto desa duración é difícil.

-Que supuxo «Serramoura» para vos?

-U. B. Para min Serramoura supuxo un xogo as veces ao límite polas características malvadas de Dona Teresa. Un reto. Unha personaxe nas antípodas de Uxía. Dona Teresa posuíume física e intelectualmente. Tiven que achegarme aos problemas dunha forma ditatorial e desapiadada.

-A. A. Hai unha cousa moi curiosa e é que cando empezaba Serramoura levaba moito tempo sen participar de xeito constante nunha ficción e foi unha alegría enorme. Desde a emisión do primeiro episodio, Serramoura tivo un tirón enorme, gustoulle a moita xente e veu todo rodado, iso non pasa habitualmente, e aínda con todo o desgaste que ten, a audiencia segue respondendo.

-«Serramoura» conquistou, ademais de polo monte e polos xiros de guión, polas relacións dos personaxes. Xogou a favor as presenza das grandes familias da serie?

-U. B. Os clans manexan os pobos. É a erótica do poder. Unha atracción máis aló da economía. Unha metáfora do que sucede na sociedade real.

-A. A. Nas historias de toda a vida repítense os estereotipos. Aquí pesa moito a familia porque todo xira sobre o mesmo. As familias están moi presentes na historia do cine e na literatura. Sempre teñen segredos que destapar e iso ten moita atracción. Sobre todo cando ten cousas malas. A maldade ten tirón. Gústanos escarvar e cultivar as vaidades.

-Máis de 170 episodio deron para moito. Pero cres que a Teresa ou a Tomás aínda quedáronlle cousas por facer na ficción?

-U. B. Sen dúbida. A Teresa quedáronlle moitas cousas por facer. Un amor segredo por contar. Coller unha escopeta... e tamén moitos segredos de xuventude, que os gardou para ela soa

-A. A. Durante 170 capítulos pasa absolutamente de todo. Hai etapas en que tes máis ou menos participación, pero eu sempre estiven encantado co rol que me deron os guionistas na serie e en xeral con toda a traxectoria da serie.

-Nos últimos tempos o consumo de ficción experimentou un gran cambio. Seguirá habendo espazo para a ficción en aberto?

-U. B. O éxito de Serramoura penso que podería repetirse neste momento. Está claro que segue tendo unha gran seguimento.

-A. A. Evidentemente que se vai repetir, só é cuestión de tempo. Isto son ciclos. Non é o mesmo que unha serie funcione, a parte dos contidos o do tipo de historia que contas. Cambiou a forma de ver televisión, pero volverán a darse casos de series de longa duración que enganchen. O segredo? Non o sei, pero é cuestión de tempo. Hai que dar coa tecla e ver o que funciona. Eu son moi optimista e a historia demostra que os ciclos volven. Agardo que desde a TVG estean dacordo comigo con esta opinión e sigan apoiando o audiovisual galego.