Monti Castiñeiras: «Se ''Serramoura'' durou tanto foi porque as personaxes evolucionaron»

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O actor Monti Castiñeiras da vida a Santos
O actor Monti Castiñeiras da vida a Santos .

TVG emite esta noite a partir das 22.30 horas un novo capítulo da derradeira temporada da ficción de Voz Audiovisual

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo ás 22.30 horas, Televisión de Galicia emite un novo episodio da temporada final de Serramoura. Os actores Monti Castiñeiras e Xabier Deive, Santos e Pancho na ficción, repasan a súa traxectoria na ficción de Voz Audiovisual

Pregunta. Entramos na recta final de Serramoura. Veñen curvas?

Monti Castiñeiras. Veñen moitas curvas e van ser espectaculares para o final tan merecido e digno que vai ter Serramoura.

Xabier Deive. Galicia é zona de curvas e en Serramoura hai que saber trazalas. Os guionistas non perderon a ocasión para chegar ata o final complicando máis as cousas. O espectador ten enganche para estes últimos episodios, onde tamén hai moitas cousas que se resolven. Para o meu gusto, o final de Serramoura está moi ben artellado.

P. Santos e Pancho son dous personaxes que están na serie desde a primeira temporada. Tiveron tempo de evolucionar?

M. C. Despois de gravar 173 episodios, creo que todos os personaxes da serie evolucionaron e iso é mérito de quen escribiu a serie. Pancho e Santos tiveron unha vida longa e variada, e medraron co paso do tempo. Pancho empezou sendo dunha maneira e acabou sendo de outra. A Santos tamén pasáronlle moitas cousas e acabou cambiando. Interactuaron moito os dous, para ben e para mal. Penso que foi un acerto da xente que escribiu a serie o de non facer uns personaxes estáticos. Se Serramoura durou tanto foi porque as personaxes evolucionaron.

X. D. Eu subscribo o que di Monti. Evidentemente Santos levou moito peso na ficción e tivo ocasión de enfrontarse a case de todo. E se falo de Pancho, que é un personaxe máis pequeno, tamén deulle tempo a interactuar con todos os personaxes da serie, a ter negocios, a enfrontarse a auténticos dramas...

O actor Xabier Deive interpreta a Pancho
O actor Xabier Deive interpreta a Pancho .

P. Profesionalmente, que supuxo nas vosas carreiras?

M. C. Se me poño a mirar o meu historial, Santos foi o personaxe que máis me deu, ao que máis cariño teño, máis longo de facer, deume un premio... ¿que máis quero? E aínda por riba desfrutando. Santos foi un auténtico luxo. Ogallá houbese outro así!

X. D. Eu díxeno desde o principio. Encantoume gravar Serramoura porque era moi bonita de facer. Ademais conéctame moito coa aldea porque, aínda que nacín en Narón en zona urbana, teño familia madeireira en Monfero. E conectábame moito co rural, que me encanta. Foron moitos anos de traballo e deu para facer secuencias de toda clase.

P. Que recordo gardaredes de Serramoura?

X. D.  Gardo sobre todo o traballo no exterior, no monte. E tamén é o que boto de menos porque durante varios meses ao ano estabamos indo ao monte e andar por aí con esa esencia a western que tiña a serie parecíame o mellor.

M. C. Eu de Serramoura vou gardar recordos estupendos. Traballei con xente coa que nunca coincidira, fixen amigos estupendos e foi una experiencia moi bonita. O ambiente que tivemos na serie é dos que desexas ter en cada produción na que traballas. Eu son fan de Serramoura e vexo todos os episodios porque me gusta a serie e sigoa todos os domingos, pero isto non pasa sempre. Levo xente para casa e experiencias moi bonitas. 

P. Os dous tedes unha longa carreira ás vosas costas, pensades que o éxito de Serramoura podería repetirse de novo?

M. C. Creo que non deberiamos centrarnos en que haxa un éxito, senón en que haxa producións para poder traballar e que, entre elas, se hai un éxito sería fantástico. O que necesitamos é un que se impulse a produción no audiovisual galego e neste caso creo que Televisión de Galicia podería xogar un papel fundamental. Fai falta investimento porque temos que seguir podendo saír fóra, pero para iso é necesario un certo nivel de calidade que esixen noutros mercados e iso sen investimento non se pode facer.

X. D.  Eu entendo que é un momento complicado para unha produtora sacar unha serie á rúa porque hai moitos riscos, entre eles que haxa un gromo de covid. Efectivamente o audiovisual en Galicia é un sector estratéxico, pero debería ser máis, e temos que estar orgullosos porque desde aquí podemos facer contidos para todo o mundo.