«Na mente do asasino» recorda o crime de Ana Enjamio

H. R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

A serie documental producida por Voz Audiovisual profundará no caso que conmocionou Vigo no ano 2016

06 oct 2020 . Actualizado a las 16:50 h.

No segundo episodio que emite esta noite Televisión de Galicia, Na mente do asasino (22.30 horas, TVG), que produce Voz Audiovisual, afondará no homicidio de Ana Enjamio acontecido en Vigo no ano 2016, onde César Adrio acabou coa súa vida despois de asestarlle vinte e oito puñaladas, doce delas no corazón. «Se non está comigo, non estará con outro» contoulle César a unha compañeira o mesmo día no que acabaría matando a Ana.

Ana foi unha das catro vítimas de violencia de xénero asasinadas en Galicia no 2016. Ela e César Adrio mantiveron durante uns meses unha relación sentimental ata que Ana puxo fin á mesma. César non aceptou a ruptura e someteu a esta moza de 25 anos a unha situación de acoso durante meses.

Coas intervencións de Jorge Sobral, catedrático en psicoloxía criminal; Ana J. Pastor, xornalista; Pablo Pallares Conde, policía nacional; compañeiros de traballo, amigos e familiares da vítima, Na mente do asasino profundará no caso e nos detalles dos feitos.

Na mesa de debate posterior o xornalista Pablo Carballo estará acompañado por diversos expertos de diferentes ámbitos para analizar as personalidades psicopáticas partindo do caso tratado no documental. Roberto Barba, xuíz de violencia contra a muller; Berta Rodríguez, forense do Imelga; Carlota Bellas, garda civil destinada no Emume; e Yolanda Neira, psicóloga do CIM Boqueixón, participarán no coloquio.

César Adrio foi condenado a un total de trinta anos de cárcere polo crime de Ana Enjamio, ocorrido a mesma noite que se celebrou a cea de Nadal na empresa na que os dous traballaban. Desas tres décadas de prisión nun xuízo cheo de incongruencias por parte do acusado, 25 deles son por asasinato con aleivosía e crueldade co agravante de parentesco, vinte meses por un de acoso e tres anos e oito meses por un de vulneración da intimidade da vítima.

Repaso á crónica negra

Na mente do asasino  é unha serie de quince documentais, acompañado doutras tantas mesas de debate posteriores presentadas polo xornalista Pablo Carballo, que afondan nos impulsos e pensamentos das persoas que cometeron algúns dos crimes galegos máis chocantes dos últimos tempos.