Mariana Expósito e Miguel Borines: «''Serramoura'' foi unha aprendizaxe impresionante»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Miguel Borines e Mariana Expósito, nunha escena de «Serramoura»
Miguel Borines e Mariana Expósito, nunha escena de «Serramoura»

TVG emite na noite deste domingo un novo episodio da derradeira temporada do «thriller»

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá domingo Televisión de Galicia emite o un novo episodio da temporada final de Serramoura a partir das 22.30 horas. Mariana Expósito e Miguel Borines, que encarnan a Luz e Moncho na ficción, valoran o seu paso polo thriller de Voz Audiovisual

Pregunta. Segue a conta atrás para a fin de Serramoura. Como viven a temporada final?

Mariana Expósito. A verdade é que pola miña parte a temporada xa rematou e xa vivín o cariño dos serramourers. É unha mágoa moi grande que remate pero tamén é moi bonito o final que viviu Luz. Pero aínda quedan moitas cousas por contar e teño pensado estar cada domingo moi pendente do televisor.

Miguel Borines. Eu teño que ser sincero. Hai moito tempo que gravamos estes episodios e inevitablemente tomas certa distancia, pero cando empezou a emitirse esta temporada final, ao escoitar as primeiras notas da sintonía de Serramoura de repente foi como unha regresión. A cabeza e o corazón trasládase a todo o que vivimos cando gravamos. Teño os nervios habituais de cando sabes que te van ver e de a ver como funciona. E tamén teño moita expectación porque é unha temporada final con momentos moi potentes a nivel emotivo e de acción. Estou con moitas ganas de ver a montaxe final de todo aquilo que gravamos. O que queda de Serramoura vai ser moi intenso e moi sorpresivo. Non quero desvelar nada, pero as cousas que van acontecer son moi potentes e van xerar moita controversia.

P. Desde o principio de Serramoura comprobouse que ningún personaxe está a salvo na vila. No que queda de temporada haberá xiros tan sorprendentes coma o do pasado domingo?

M.E. Aínda queda moita Serramoura e teño que dicir que non lin os guións dos episodios que quedan e teño moitas ganas de velos porque agora son unha espectadora máis.

M.B. A morte que vivimos no episodio anterior é unha especie de adestramento para o que virá a partir de agora [ri]. Pero tamén hai momentos que darán moito conforto aos espectadores. Haberá respostas a moitas preguntas que están agora mesmo no aire. Digamos que vai haber unha de cal e outra de area, pero con moito cal e moita area de cada vez [ri].

P. Que supuxo para vostedes estar nunha serie que se mantivo durante seis anos en emisión?

M.E. Para min foi a miña personaxe constante e iso é moi gratificante. O equipo de actores e técnico tivemos unha conexión especial, polo que o traballo era moi fácil. Quedou unha amizade antes e despois de Serramoura. A nivel persoal o que máis me marcou foi iso, que estivemos moitos anos xuntos e hai un antes e un despois.

M.B. Eu vivín algo parecido ao que conta Mariana. Eu fixera algún personaxe en cine con moita traxectoria, pero profesionalmente hai un antes e despois de Serramoura. Con Moncho aprendín a facer cousas que nunca fixera diante dunha cámara nin enriba das táboas dun escenario. O personaxe tivo unha evolución moi bonita e vivíndoa desde dentro persoalmente. Serramoura foi unha aprendizaxe impresionante. E despois a relación con todo o equipo foi unha gozada, era como ir a casa.

P. Luz e Moncho compartiron secuencias que están moi presentes entre os seguidores da ficción. Como construíron a relación entre eles?

M.B. Moncho chama a Luz Lucita, e esa clave para min supuxo un achegamento moi gran ao personaxe de Mariana. A complicidade destes personaxes creo que nalgún momento traspasaba a pantalla do televisor e nalgunha secuencia acabamos tocados emocionalmente e satisfeitos do traballo feito. Teño que engadir que Moncho foi unha delicia de personaxe, a min bastábame con poñerme a camisa de cadros e o pantalón e xa era Moncho.

M.E. A verdade é que a relación entre Luz e Moncho foi moi fácil de facer. Traballar con Miguel é marabilloso, o guión estaba moi ben escrito, e o arco das dúas personaxes foi crecendo co paso do tempo, polo que non había moito máis que facer [ri].

P. E persoalmente, como foi a relación entre Mariana e Miguel?

M.B. Eu non tivera o pracer de traballar con Mariana antes desta serie. Pero atopei a unha muller con moito futuro e seguro que vai medrar moito, porque é unha gran actriz e pasou por esta escola que é Serramoura.

M.E. E despois disto eu pouco podo dicir [ri]. Foi un pracer ter traballado con Miguel e agardo que volvamos coincidir o antes posible.

P. Que é o que virá despois de Serramoura?

M.B. É certo, que non só polo covid-19, é un momento moi diferente o que estamos vivindo tanto no terreo teatral coma no audiovisual. Sen dúbida imos saír adiante, como vai saír adiante o ensino, o comercio, a hostalería, pero agora mesmo estamos no ollo do furacán, no momento máis crítico que aínda durará un tempo. Agora mesmo estou de xira en Navarra con funcións para 40 ou 50 persoas. O que estamos vivindo é unha situación de serie distópica que estariamos encantados de ver nunha ficción. É un momento complicado e quero insistir en que, dalgunha maneira ou doutra, hai futuro, sobre todo para aqueles que coas palabras, o corpo e os xestos transmitimos emocións e verdade a quen nos mira.

M.E. Está claro que hai que loitar e hai que seguir adiante. A cultura segue sendo moi necesaria e hai que buscar a forma de seguir chegando ao público.