Chechu Salgado e Miguel Canalejo: «Esta derradeira temporada volve ás orixes de Serramoura»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG emite hoxe (22.30 horas) o segundo capítulo da entrega final do «thriller» rural de Voz Audiovisual

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite esta noite, ás 22.30 horas, o segundo episodio da temporada final de Serramoura. Os actores, Miguel Canalejo e Chechu Salgado, que encarnan a Quique e Román na ficción, valoran o seu paso polo thriller de Voz Audiovisual.

Pregunta. Comezou o principio da fin de Serramoura...

Chechu Salgado. Pois si, chegou o momento da despedida. Nestes días teño moitas emocións xuntas. Serramoura é o meu fogar, é onde comecei e foi o principio de moitas outras cousas. Teño moita ilusión por ver o resultado desta temporada final pero ao mesmo tempo da un pouco de nostalxia pensar que acabas algo que supuxo un principio. A Serramoura téñolle un cariño impresionante e dáme un pouco de mágoa a súa fin.

Miguel Canalejo. Eu coincido con Chechu. Os dous creo que tivemos unha experiencia semellante. Empezamos a traballar á vez, o primeiro proxecto importante foi esta serie, e a sensación é de que rematas algo que supuxo o principio da miña carreira. Tes morriña e tamén moito agradecemento por poder traballar con compañeiros magníficos.

P. Que nos poden adiantar desta temporada final?

M.C. Todos os episodios que quedan están a altura dunha última temporada e van deixar á xente coa sensación de que isto estivo moi ben O que penso é que é unha temporada que volve ás orixes de Serramoura na que os xiros de trama poden afectar aos personaxes no momento menos pensado. Os personaxes que levan na serie desde comezo tamén poden verse afectados. Podo adiantar que nestes episodios hai moitas mortes que o espectador non agarda [ri].

C.S. Tamén volven personaxes que levaban un tempo desaparecidos, e creo que nestes últimos episodios mantense moi ben a escuridade que envolve aos personaxes. A cousa ven quente e non queda nada para ver como acaba a cousa (ri).

P. Como xa sinalaron, Serramoura foi a súa primeira incursión na ficción. Que supuxo para vostedes esta oportunidade?

M.C. Para min foi un trampolín. Eu non podería ter comezado a miña carreira se non fose por Serramoura. E tamén hai que destacar o recoñecemento que tes da xente que segue a serie e que é un grupo de persoas moi agarimoso, que lle ten moito cariño ás personaxes. Ver que o primeiro traballo que fas é tan ben acollido é unha sensación de que o que estás facendo está ben.

C.S. Serramoura situounos primeiro no panorama audiovisual galego e despois no nacional e supuxo o punto de partida para as nosas carreiras. Non se pode empezar de mellor forma que nun produto que funcionou tan ben.

P. Román e Quique viviron enfrontados a maior parte da serie, pero como é a relación entre Chechu Salgado e Miguel Canalejo?

M.C. Por sorte a relación Román e Quique non é a mesma que Chechu e Miguel. Traballar xuntos foi una sorte e ogallá continuase máis tempo sendo así.

C.S. Miguel e máis eu levamos sendo amigos desde que coincidimos na ESAD. A amizade continua a día de hoxe e non ten pinta de que vaia parar. Miguel para min é un referente á hora de afrontar a vida [rí].

P. Os seus personaxes eran os máis novos da ficción pero neste momento Quique xa é Sarxento, e Román é pai de familia. Como viviron esa evolución?

C.S. No meu caso Román e Chechu evolucionaron xuntos porque é verdade que os dous eramos moi novos cando comezou Serramoura [rí]. Penso que Román conseguiu orientarse cara outros obxectivos vitais e téñolle moito cariño porque fun crecendo con el. É moi bonito, parece de conto, pero foi unha viaxe moi bonita.

M.C. Eu a sensación que teño é que a personaxe vai crecendo e ti con ela. No meu caso, que Quique sexa unha personaxe que intenta ser coma os seus referentes máis próximos que o acompañan, a min tamén pasoume algo parecido. Aprendes da xente coa que traballas e iso é un verdadeiro luxo.

P. Que é o que virá despois de Serramoura?

M.C. No meu caso estamos preparando a estrea no Festival Carballo Interplay de Xan, unha webserie que fixen coa directora Lucía Estévez, e conta a historia dun rapaz que vive permanentemente sen palabras ante o universo surrealista que o rodea.

C.S. E pola miña parte, agora mesmo estou inmerso na rodaxe do nova película de Dani Monzón e tamén é inminente a estrea de Patria, a ficción de HBO, e agardando que teña boa acollida e a desfrute a xente.

P. Como ven o futuro do sector audiovisual no contexto no que estamos nestes momentos?

M.C. A verdade é que estaba un pouco negativo pero pouco a pouco estanse retomando os proxectos e as rodaxes están saíndo para adiante adaptándose aos novos protocolos. É unha sorte ver que temos profesionais neste sector que saben sortear situacións deste calibre.

C.S. No meu caso, eu non podo non ser optimista porque sigo traballando nestes momentos. Pero a situación actual si que llo puxo difícil ao sector. Si que as rodaxes son un pouco máis complicadas pero están saíndo cara adiante e creo que despois desta crise sanitaria sairemos máis fortes.