«Come a comarca» descobre a lagosta, a lamprea e os mirabeis no Baixo Miño

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Alejandro Rodríguez terá o corazón dividido neste programa

28 jul 2020 . Actualizado a las 14:32 h.

Lagosta, lamprea e mirabeis. Eses serán os tres ingredientes estrea do penúltimo programa de Come a comarca, que esta noite (22.00 horas, TVG) recala na comarca do Baixo Miño. A expectación é máxima neste momento, xa que o reality gastronómico encara a recta final cos dous equipos moi igualado. O equipo do programa leva un total de cinco vitorias no seu taboleiro mentres que os equipos profesionais das comarcas levan seis. Se os afeccionados gañan neste capítulo igualarán os resultados e chegarán empatados á gran final do último programa.

Come a comarca viaxa a terra de Alejandro Rodríguez, O Alcalde, que terá o corazón dividido máis ca nunca. No Baixo Miño deberán aprender a facer un menú máis típico composto de salpicón de lagosta, lamprea á e torta tatín de mirabeis.

Chus Castro, do restaurante Bitadorna, será a encargada de guiar aos concursantes pola gastronomía desta comarca. Estes irán empaparse da tradición gastronómica da lagosta nestas terras da man de Diego, lagosteiro da cetaria Langosteiros da Guarda. Na Guarda será tamén onde aprendan como cociñar este crustáceo, e para iso visitarán a Carmen, do restaurante Alborada. En Tabagón, no Rosal, van aprender como se pesca a lamprea, para o que contarán coa axuda de Adolfo, experto pescador deste manxar milenario. Pero será a sabedoría de Fina, de Tui, a que terán que reter para facerse con todos os trucos da preparación da lamprea á bordelesa. Por último, irán xunto a Salvador, de Froitas do Rosal, para aprender sobre a historia e o cultivo dos mirabeis. Con esta froita pódense facer unha chea de sobremesas, como ben sabe Nida, veciña do Rosal, quen será a encargada de ensinarlles a facer unha deliciosa torta tatín de mirabeis.

Os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, no restaurante Lugar de Oia, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Carmen Baz do restaurante Xeito (A Guarda), Pilar Blanco e Laura Méndez do restaurante El Molino (Tui) e Rosa Cerejido e Carmen Lorenzo da Casa da Pintora (O Rosal). Un xurado popular deberá decidir cal dos dous menús é o gañador. Quen gañará?