«Unha señora díxome: 'Tan serio como eras de alcalde e o simpático que es de cociñeiro!'»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

O exalcalde de Oia, concursante do programa «Come a comarca», da TVG, recoñece que viviu co corazón dividido o capítulo do vindeiro martes sobre a zona do Baixo Miño

27 jul 2020 . Actualizado a las 21:02 h.

Alejandro Rodríguez, exalcalde de Oia, recoñece que non gozou do programa que se gravou moi preto da súa casa, porque tiña o corazón dividido. Iso si, asegura que ese día «gañou o Baixo Miño». Fai un balance do seu paso polo programa que lle permitiu coñecer moitos lugares de Galicia.

-Como se lle ocorreu presentarse a «Come a comarca»?

-Lin en La Voz de Galicia, como cada mañá, que había un casting, anotei o teléfono nun papel, dinlle «unhas pensadas» e chamei. Á tarde fun á proba e aí empezou todo.

-A vostede, logo, gústalle cociñar. Ía con certa experiencia?

-Eu teño experiencia noutras cousas, na cociña máis ben fago o que podo.

-Como viviu a experiencia?

-Pois houbo un pouco de todo, aprendín moitas cousas e viaxei por Galicia, estiven en lugares que nunca estivera. E despois dentro disto o tipo de comidas que se fan na nosa terra son moi variadas. Temos unha riqueza gastronómica que debe ser das mellores que hai no planeta. Iso foi o que aprendín que non coñecía, foi o que me encantou de todo isto.

-Gustaríalle volver a algunha das comarcas polas que pasou o programa?

-Si. Por exemplo, Monforte de Lemos, a Costa da Morte e o Barbanza: son sitios preciosos.

-Que tal cos compañeiros?

-Houbo momentos bos e outros non tanto, como en todas as cousas. Moitas veces tiñamos enfrontamentos e despois faciamos as paces. Ningún dos cinco eramos profesionais e ás veces daba lugar a tensións. Eu como era o máis veterano levaba mellor os nervios porque pasei por outras probas ao longo da miña vida que foron máis duras. Outros púñanse moi nerviosos cando empezaban. Eu sempre tratei de manter a compostura e aparentar tranquilidade, aínda que teño que confesar que moitas veces non estaba tan tranquilo como parecía.

-Pensa que a súa experiencia como alcalde lle serviu?

-Cada corpo é diferente á hora de afrontar os problemas. Eu sempre fago os problemas meus, e loxicamente sufro máis que outras persoas que pasan máis. Por moitos que se resolvan no concello, sempre che quedan máis, e iso a min matábame. A min gústame gañar, coma a calquera, pero eu non ía a competir e menos con profesionais, simplemente ía participar, e se podía disfrutar, aínda por riba mellor que mellor.

-Como viviu o programa do Baixo Miño?

-Cando vin aos compañeiros da outra cociña vinme un pouco abaixo porque dúas delas eran amigas. Eu non sabía que elas concursaban, nin elas que o facía eu. Non foi moi doado. Eu débome aos meus compañeiros, se podo gañar pois gaño, pero non o pasei moi ben por iso. Foi unha experiencia que nunca vivira.

-Que lle di a xente que o coñece tras velo en «Come a comarca»?

-Cando foi o da tortilla, todo o mundo me dicía que como me caera! A maioría achéganse a felicitarme. O outro día díxome unha señora: «Tan serio coma eras de alcalde e o simpático que es de cociñeiro».