Tato Vázquez Lima: «Parece razoable que no prezo do voo inclúan que teñas unha PCR feita 48 horas antes»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

«É necesario poñer en marcha un procedemento de transferencia de información entre comunidades»

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ningunha sociedade avanza se non hai unha responsabilidade global nela», di o presidente da Sociedade Galega de Urxencias e Emerxencias e membro do comité clínico do covid da Xunta, Tato Vázquez Lima sobre a necesidade de non baixar a garda, fronte á pandemia, ser estritos nos circuítos sanitarios separados e cumprir coa prevención.

 -Perdémoslle o respecto ao coronavirus?

-Os servizo sanitarios seguen a terlle moito respecto e insisto en que temos que ser estritos nos circuitos separados. Fomos moi respectuosos cando estabamos confinados e a percepción que teño, en xeral, é que moita xente pensa que iso xa pasou. A realidade é que non pasou, o virus segue circulando e aínda nos quedan moitas loitas contra el. O papel da poboación axudando é clave. Os sanitarios sós non podemos facer nada e o exemplo está nas zonas nas que hai transmisión comunitaria. 

 -Se cadra temos que comezar a falar dun brote de irresponsabilidade...

-Falar de brote de irresponsabilidade cando se demostrou que había unha responsabilidade plena no momento do confinamento se cadra é un pouco arriscado. Digamos que é certo que manter unha situación de control durante moito tempo é complicado e baixamos un pouco a garda. Este virus ten unha característica, e parece unha broma, pero é así: é tremendamente sociable. Gústanlle moitísimo as festas, as reunións de xente. Se cadra aí si que perdemos un pouco o respecto. Se podemos tentar controlar ao máximo ou evitar esas reunións masivas mellor para todo o mundo. Ás veces non por nós mesmos. Pensemos no que levamos para a casa. Se temos un pai, un avó, un tío, un irmán, de 50 ou 60 anos que ten unha patoloxía cardiaca asociada, ao mellor eu paso unha infección asintomática, pero a el métoo na uci.

 -Un estudo do Instituto Carlos III apunta a que a metade dos novos positivos en España non saben como se infectaron. 

-Se nos casos confirmados non se sabe a orixe do contaxio temos unha situación moi perigosa, porque xa estamos en transmisión comunitaria ou é o preludio. Isto está a pasar nestes momentos nalgunhas zonas de Cataluña e Aragón. No brote da Mariña, máis do 70 % dos novos casos proceden de contactos que xa sabemos que estiveron co caso orixe. Este é o punto clave, controlar ao máximo posible a cadea epidemiolóxica. Por iso insistimos tanto no control dos contactos.  

-De media, en Galicia son seis contactos por cada positivo.

-Un pouquiño máis, o brote da Mariña andaba polo 6,1 e 6,2. Como todo, os indicadores hai que saber interpretalos. Os rastrexadores buscan todos os contactos dun enfermo, e nalgúns casos exclúese aos que son simultáneos, é dicir, que se un contacto se relacionou con dous casos confirmados, só se lle atribúe a un deles. Cando hai un foco moi reducido de casos e os contactos son na mesma esfera familiar, a ratio caso/contacto redúcese. Se é unha zona poboacional máis ampla e con máis extensión de contactos, si que esa ratio é moi útil. Normalmente, por debaixo de tres contactos por caso confirmado fai pensar que o sistema de rastrexo debería ser mellorado.

 -Xa se levantaron as restricións de mobilidade en Burela. Pódese dar por controlado o brote da Mariña?

-Non me gusta falar en termos categóricos. As cousas van ben, si. A definición de que un brote está rematado é cando non hai ningún caso nos 28 días seguintes á declaración de brote. Para min o brote da Mariña estará rematado cando pasen 28 días e non haxa un caso novo.

-De todos os xeitos a situación de Galicia non ten nada que ver co que acontece noutras zonas do Estado.

-Estamos nun momento complicado. Os brotes onde hai contaxio masivo teñen orixe en reunións ou festas. En Galicia é evidente que non temos nin a situación de Aragón nin a de Cataluña nin a de outras zonas. Inflúe o comportamento da poboación, sen ningunha dúbida. Inflúe que as cousas estén protocolizadas e inflúe a sorte tamén. Entre a poboación, hai algúns casos que non responden adecuadamente, pero son excepcionais. O normal é que a xente responda cando se lle fan unhas recomendacións.

-Así que teremos que aprender a convivir con esta situación de control de brotes.

-Non nos queda outra ata que teñamos unha vacina efectiva que demostre protección ou ata que teñamos un tratamento médico definitivo. E aínda que tiveramos tratamento tampouco poderiamos deixar de tomar medidas de protección. Pero polo momento o único que temos para contelo son as medidas de prevención e o control dos brotes unha vez que xorde algún. Se cadra hai algunhas cousas que podemos mellorar a nivel de todo o territorio.

-Cales?

Penso que é algo do que todas as sociedades científicas estamos a falar, que os casos importados que veñen de fóra, que veñan cunha PCR feita en orixe. Se voas dende México, Brasil ou Estados Unidos e es español ninguén che vai prohibir entrar no Estado, pero parece razoable que no mesmo prezo do voo inclúan que tes que ter unha PCR feita 48 horas antes de viaxar. Polo menos teríamos unha información bastante máis substanciosa que a que temos agora, que á fin e ao cabo é unha enquisa, e a súa validez é relativa. Penso que poderiamos mellorar o control de entrada ao país. Outra cousa que sería interesante é que esa información de entrada de voos estranxeiros se compartise con todas as comunidades. Explícome. Ti podes entrar en Galicia vía Oporto ou Baraxas. Cando completas a enquisa sobre onde vas estar, onde che poden localizar, esa información non só é útil a novel central, é útil para o servizo sanitario onde esteas. E esa información ten que circular, é moi útil.

-O que hai son fallos de comunicación, entón.

-O sistema de rexistro de historia clínica que utilizan por exemplo Castela e Asturias non é o mesmo que utiliza Galicia e non hai transferencia de datos. É unha cousa a mellorar non só co coronavirus, senón de cara ao futuro, ter un procedemento de transferencia de información entre comunidades e compartir os datos da historia clínica cando sexa necesario. Non estou falando de centralismo, estou falando de compartir información cun sistema que permita compatibilidade entre todos. Sei que é complexo.

 -Polo momento só nos queda o uso da máscara. O problema é se realmente estamos utilizándoas ben.

-As máscaras non só son para protexerse un, son para protexer os demais. Ningunha sociedade avanza se non hai unha responsabilidade global nela, e a responsabilidade colectiva constrúese na responsabilidade individual de cada un. Non é posible avanzar se non temos clara esta premisa na cabeza. En distancias inferiores a dous metros, se un porta máscara o risco de que lle transmita a infección ao que ten enfronte redúcese un 70 %. Se os dous a levan, o risco redúcese entre un 90 e un 95 %. 

 -Un sondeo que se publicaba estes días di que española é unha das sociedades europeas máis proclives a usar máscara.

-Isto é un tema cultural. Este concepto de solidariedade está moito máis implantado nas culturas orientais. Sempre vemos imaxes dos países do sudeste asiático e incluso de centroasia nas que a xente leva máscara nos períodos de gripe. Alí teñen ese concepto de que unha das responsabilidades individuais é protexer a comunidade. Aqui imos un pouco por detrás, pero probablemente pouco a pouco iremos implantando aquí esta maneira de pensar.

 -Ademais dos brotes, está a posibilidade dunha nova vaga.

-Se todos foramos absolutamente responsables, respectásemos as medidas de seguridade e evitasemos as reunións en grupo e utilizasemos máscara, probablemente o risco dunha nova vaga epidémica reduciríase dunha maneira exponencial. Nas circunstancias actuais o risco está aí e estámolo vendo nalgunhas comunidades. Hai factores que poden favorecer unha vaga en outono. Aínda que non está claramente demostrado, hai varios estudos que din que a calor por riba de 35 graos e sobre todo a radiación ultravioleta reducen a transmisibilidade do virus. En outono ese factor non o temos. O segundo é a convivencia con dous virus estacionais que temos todos os anos: a gripe e o virus respiratorio sincitial. Non temos unha certeza do que pode acontecer. Se poden coinfectar parece lóxico pensar que unha persoa de risco vai ter un risco máis elevado de ter problemas graves. E logo están os sistemas de detección. En novembro, se mandan a alguén a urxencias con febre alta e que non respira ben, pasará polo circuíto de illamento, pero ata pasadas unhas horas non se saberá se o cadro se debe a coronavirus ou a gripe. Vai ser difícil, por non dicir imposible, distinguir unha doutra nos momentos iniciais.

-Supón un problema engadido.

E tampouco temos a experiencia de como van convivir os tres virus: se algún se vai impoñer a outro, se van coinfectar... Entendemos que isto pode acontecer, pero non o podemos saber ata que pase. Si xera un pouco de preocupación.

-Iso pode levar a problemas nos servizos de urxencia, non?

-Teriamos que ter aprendido a lección, que é clara. En Galicia fomos quen de diminuir as cirurxías programadas non urxentes e as consultas para priorizar os ingresos rápidos da xente que tiña coronavirus no mes de marzo-abril e non vimos os servizos de urxencias desbordados, o que teremos que facer é aprender esa lección. O que pasou ata a coronavirus todos os invernos nalgúns hospitais coa gripe non pode repetirse. É intolerable. Se fomos capaces de facelo na pandemia do coronavirus este outono temos que poder facelo igual, sexa gripe ou sexa coronavirus.

-O sistema ten que reorganizarse.

-E segunda parte, cando teño certo volume de pacientes pendentes de ingreso terei que tomar medidas para que ingresen. Se teño que habilitar todas as camas de hospitalización, habilito todas as camas de hospitalización. E se teño que tomar medidas adicionais, tómoas, pero non podo deixar os pacientes alí. Con respecto a España entendo que aprenderemos tamén a lección, porque houbo hospitais que chegaron ao límite, ao que se chama unha situación de catástrofe: xa non tes espazo para asumir máis pacientes. Supoño que todos os directivos preverán áreas de expansión nos seus servizos de urxencias, que actividad se limita e que prioridade se dá a que estes pacientes ocupen o lugar que deben ocupar. Teremos que habilitar as medidas e ter un plan de emerxencia e un plan de continxencia perfectamente estruturado para que isto non aconteza.

-Outra das reivindicacións é a do persoal.

-Isto non é só poñer camas, ou poñer respiradores. O máis importante, o que atende un paciente, é o persoal sanitario e hai que ter un dimesionamento acorde dos profesionais sanitarios para prestar a atención. Fáloche do que máis coñezo, que é o servizo de urxencias. Aquí está relativamente ben, pero porque tivemos moita loita neste tema, pero a situación noutras comunidades foi vergoñante. Temos que ter cadros de persoal estables, homoxéneos e baseados en estándares.