«Cantas ou non?» o novo concurso que poñerá música as tardes da TVG

Fran Cañotas e Noelia Rey presentan de luns a venres o espazo baseado no karaoke

;
«Cantas ou non?» o novo programa musical da TVG Fran Cañotas e Noelia Rey porán a nota musical cada tarde neste espazo baseado no karaoke

Redacción

Nestes tempos raros, no que se botarán de menos as orquestras tan típicas do verán galego, o concurso baseado no karaoke Cantas ou non? levará cada semana o seu escenario móbil a unha vila galega, onde os concursantes seleccionados terán que demostrar ser uns auténticos profesionais do karaoke para levar o premio do concurso.

De luns a xoves, seis cantareiras e cantareiros terán que convencer ao xurado do programa e ao público asistente de que a súa interpretación é a mellor. Os dous mellores de cada día enfrontaranse o venres desa mesma semana na gran final, onde só pode vencer un dos oito finalistas.

Como mestres de cerimonia, Cantas ou non?, producido por Voz Audiovisual, conta con Fran Cañotas e Noelia Rey que achegarán toda a espontaneidade, naturalidade e simpatía necesaria para lidar cos concursantes que veñan dar o cante en cada programa.

A primeira parada de Cantas ou non? será na vila de Sada, á que seguirán Ribeira, Cangas do Morrazo, Ribadavia ou Fisterra, entre outras localidades.

Así é a mecánica

O escenario móbil de Cantas ou non? instalarase cada semana (de luns a venres) nunha localidade de Galicia. De luns a xoves pasarán polo escenario seis concursantes diarios que terán que interpretar diferentes temas en solitario e formando dúo. Despois de cada actuación, o xurado emitirá o seu voto de forma numérica. En cada programa pedirase que alguén do público suba ó escenario para cantar unha canción sorpresa. Este valente ademais de pasar un bo rato, terá o poder de dar cinco puntos ó concursante que máis lle guste.

Despois das diferentes probas e valoracións, os dous concursantes que máis puntos teñan pasarán á final semanal.

No caso de empate, será o público o que decida, pero desta vez será a través dun decibelímetro. Os concursantes empatados animarán ó público a berrar a proclama do concurso. Berrará «Cantas!» e agardará que o «ou non!» lanzado polos asistentes sexa maior que o dos seus contrincantes. O que máis decibelios consiga será o que se clasifique para a final. Quen romperá o aparello?

O xurado non é fixo. Está composto por tres membros que cambian cada semana, ao ritmo no que o programa muda do seu lugar de celebración. Son persoas coñecidas nas vilas da contorna, ben polos seus cantos de taberna, o seu humor contaxioso ou mesmo, o seu pasado profesional no mundo da música.

Como concursar

O casting para participar en Cantas ou non? está aberto durante toda a duración do programa. As persoas interesadas en participar poden enviar un vídeo presentándose e cantando a súa canción favorita ao enderezo electrónico ana.fontan@vozaudiovisual.com ou por medio dun WhatsApp ao teléfono 687 208 550. Só poden facelo persoas maiores de idade. As seguintes localidades que visitará o programa serán Ribeira e Cangas do Morrazo polo que buscan xente da comarca e arredores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Cantas ou non?» o novo concurso que poñerá música as tardes da TVG