Iván Gómez, de «Come a comarca»: «Quero volver A Mariña, pareceume un sitio precioso que non coñecía»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

Este hostaleiro de Celanova sustituiu a Rulo Paz , pero enseguida atopou o seu sitio no programa

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Gómez chegou o Come a Comarca (22.00 martes, TVG) máis tarde, pero enseguida se integrou con todo o equipo. Os que volven a súa adega, din que o fan polas croquetas e a tortilla, pero tamén se lle dan ben os guisos e os arroces.

-Como xurdiu concursar no «Come a comarca»?

-Animoume a miña muller, que eu moitas trazas non tiña, pero díxome: «Aproveita e vai». A culpa é toda da miña muller Cristina, (ri).

-Algo de experiencia na cociña tiña, ao ter un bar...

-Si, a Adega do Iván. Temos unha variedade de viños galegos e algún Rioxa, pero basicamente galegos, e despois tamén poñemos comidas, pero así enxebre: croquetas, orella, tortilla, uns pementos recheos, raxo... Cousas sinxelas e rápidas de sacar. A maioría da xente vén polas croquetas e a tortilla. Cando Isabel Coixet estivo aquí gravando Elisa e Marcela, moitos días viña aquí pa comer eses dous pratos.

-Ademais da tortilla e as croquetas, ten algunha especialidade máis na cociña?

-A verdade é que tamén se me dan ben os guisos e os arroces. Xa participei no programa Desafío nos fogóns, e os cogomelos tamén os teño bastante dominados, pero agora fáltame tempo para ir a eles e cociñalos.

-Como foi a chegada ao equipo de «Come a comarca», que xa levaban uns programas xuntos?

-Eles xa levaban varios programas xuntos e entendíanse ben na cociña. O primeiro día non sabía como ían as cociñas, o forno,... ¡andaba máis perdido ca un polbo nun garaxe! Pero con moito apoio dos compañeiros fómolo levando ben. Neste último programa xa funcionamos como un equipo, non houbo tantos berros, coordinámonos ben nos traballos. A integración fixérona bastante fácil tanto os compañeiros e os membros de produción e dirección.

-De que comarca garda o mellor recordo do programa?

-O máis especial de todos que gardo será no último programa, pero non se pode desvelar a comarca á que imos. É unha sorpresa e o mellor recordo foi nese, moi emotivo e foi un programón. Pero tamén o do Barbanza me gustou moito porque foi non primeiro momento que sentín que fomos un equipo realmente.

-Que foi o que máis lle custou da comarca de Mondoñedo, que e emitirá o vindeiro martes?

-Uf, levei moi mal cando nos mandaron facer o prato de fabas con ameixas, e tiven moita presión dun dos mestres, (ri). E tiven que probar un produto que non me gusta e que son incapaz de comelo, e tiven que facer de tripas corazón, comelo e paseino mal. Xa se verá no programa, xa se verá.

-Fai logo un balance positivo do paso polo programa.

-Si, fixen moi boa relación cos compañeiros e levouse moi ben todo. O equipo de produción e de dirección facilitounos todo. E o presentador, Fran Cañotas, tal como se ve no programa é na vida real. Éramos una familia.

-E está a pensar xa en presentarse a outro programa de cociña?

-Non, a verdade é que eu non penso nada, jeje. Pero gustoume moito o formato do programa, coñecer gastronomía e comarcas que non coñecía. Quedáronme moitas ganas de volver ca miña familia e disfrutar alí duns días. A Mariña por exemplo nunca fora, é un sitio precioso.