Zara aposta con forza pola poesía visual de Uxío Novoneyra

A empresa acaba de sacar ao mercado unha colección de roupa estampada con caligramas do poeta do Courel


quiroga / la voz

«Din os soños e os paxaros: A morte non é certo!», un caligrama ou poema visual realizado en 1959 por Uxío Novoneyra, protagoniza unha nova colección de produtos estampados de Zara que comprende dous modelos de camiseta, unha sobrecamisa e un gorro. A fundación que preserva o legado do poeta de Parada do Courel colaborou nesta iniciativa, pero a idea e a súa realización son responsabilidade dos creativos da célebre empresa do grupo Inditex. «Este proxecto naceu a mediados de febreiro, cando recibimos unha mensaxe de Zara interesándose pola obra gráfica de meu pai», explica Uxío Novo Rey, fillo do poeta e responsable da fundación. «Fixérono todo eles de común acordo con nós e estamos moi agradecidos e moi ledos por esta iniciativa, que coincide co vixésimo aniversario da creación da nosa fundación e do décimo aniversario do Día das Letras Galegas dedicado a Novoneyra, ademais do noventa aniversario do seu nacemento», engade.

Os creativos de Zara, di por outra parte Uxío Novo, «mostraron durante todo o proceso unha grande sensibilidade e respecto pola obra de Novoneyra, e xa os primeiros esbozos que fixeron eran marabillosos, dunha calidade brutal». O caligrama mencionado non é o único que figura na colección, xa que nas prendas aparecen tamén outros dous: «Bailas e faisme libre» e «Andas as rúas como se fora a praia». Este último caligrama está dedicado a Elba Rey, a muller do poeta, un detalle que é mencionado na etiqueta. «Como é natural, para min isto é algo particularmente emocionante», di o fillo do escritor.

Unha obra singular

Por outro lado, Uxío Novo di apreciar especialmente o feito de que a iniciativa de Zara axude a rescatar unha parte moi singular da obra do poeta do Courel -os poemas caligráficos- «que non foi moi publicitada, aínda que no seu momento axudaron a divulgala artistas destacados como Antón Patiño e Antón Lamazares». O escritor -engade- deu moita importancia ao aspecto visual e plástico da poesía, algo ao que axudou a amizade que mantivo con artistas como Laxeiro, Carlos Maside ou Reimundo Patiño. «Hai que ter tamén en conta que a poesía caligráfica tivo moito peso noutras literaturas como a francesa, grazas a escritores como Guillaume Apollinaire, pero non ten moita presenza en Galicia nin tampouco no conxunto do Estado español», agrega. A poesía visual de Novoneyra divulgouse en publicacións como Poemas caligráficos -editado por primeira vez en 1979- e en exposicións como «Once caligramas fundamentais», presentada en Pontevedra no 2015.

O fillo de Novoneyra espera que a nova colección de roupa de Zara axude a divulgar a obra do poeta en ámbitos aos que nunca chegou. As prendas non só sirven de soporte para a versión orixinal dos caligramas, senón tamén para traducións dos textos en inglés, realizadas pola escritora canadense Erin Moure. «Ao ser unha empresa que está presente en todo o mundo, cremos que esta iniciativa axudará a que a obra de Novoneyra sexa moito máis coñecida e tamén a que sexan moito máis coñecidos a serra do Courel e os seus habitantes», conclúe.

O Concello saúda a iniciativa e di que fará a que a obra do escritor se coñeza «a nivel mundial»

O Concello de Folgoso do Courel felicitou publicamente á Fundación Uxío Novoneyra pola súa colaboración na creación da nova colección de roupa e complementos de Zara, sinalando que a iniciativa axudará a que os caligramas do autor de Os eidos se sexan coñecidos «a nivel mundial». O goberno municipal considera así mesmo que esta colección axudará a que máis xente coñeza ao poeta e á súa obra, senón tamén «o Concello de Folgoso do Courel, as montañas e o xeoparque».

A conta de Facebook do Concello xa dedicou varias entradas a divulgar esta iniciativa, indicando por outra parte que as prendas que compoñen a nova colección de Zara xa poden ser adquiridas a través da páxina de Internet da empresa.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Zara aposta con forza pola poesía visual de Uxío Novoneyra