Cando a música é a forma de respirar

Noelia Geada aliviou o confinamento dos seus veciños cantando dende a súa ventá

Noelia forma parte do dúo Una Mesa Para Dos e tocou no Muralleando o Día da Música
Noelia forma parte do dúo Una Mesa Para Dos e tocou no Muralleando o Día da Música

Lugo / La Voz

Noelia Geada (13 de novembro de 1988, Fonmiñá, Pastoriza) é cantante e logopeda. Afronta a era post-coronavirus con ganas e ilusión, tras aliviar o confinamento dos seus veciños cantando dende a súa ventá.

—Tivo unha forma particular de aliviar o confinamento.

—Si, coma moitos outros músicos. Houbo un movemento social que nos animaba a tocar ou cantar polas ventás ou balcóns para animar aos veciños. Eu ao principio non estaba moi animada. Son autónoma, e a incertidume no tocante a cómo saír adiante economicamente coa clínica pechada e sen concertos baixaba o meu ánimo. Tiña, como se soe dicir, un nó na garganta, e non me apetecía cantar.

—Entón, que foi o que lle deu os ánimos para cantar?

—Morreu o noso amigo músico Andrey no medio do confinamento e dalgunha forma iso deume ánimos para volver a cantar. Supoño que nos pasa a moitos artistas, que ante unha situación de tristeza acudimos ao arte, neste caso á música, para expresar o que sentimos. Entón decidín que podía cantar a cappella, A voz é un instrumento, igual que se poden tocar outros instrumentos sen o acompañamento doutros, tamén se pode facer coa voz.

—Os veciños namoraron da súa voz.

—Soprendeume a súa collida, non esperaba que lles gustase tanto. Era un pouco estraño porque, nos edificios de enfronte non vía moita xente asomada, pero despois oía aplausos que non sabía de onde saían. Imaxino que de veciños do meu mesmo lado e que non podía ver. É estraño cantar sen saber se hai ou non alguén escoitándote nin cómo van reaccionar.

—Despois do confinamento, chegaron os concertos a carón da Muralla.

—Chámarome para que fosemos o dúo Una Mesa Para Dos a tocar no ‘Muralleando Sen Parar’ que organizou o Concello, algo que agradezo moito, e coincidiu que foi o Día da Música. Que mellor maneira de volver a un escenario que nun día así.

«Como cantante, estaba desexando pisar de novo un escenario»

—Próximas citas no calendario?

—Co dúo de momento non temos datas aínda pechadas, pero estamos pendentes dunha data en Esteiro (Muros) e outra en A Coruña, que anunciaremos chegado o momento nas nosas redes sociais. Si teño datas xa confirmadas con outras formacións. O 9 de xullo estarei co Grupo Vocal Solo Voces participando nas Noites da Domus do Mitreo de Lugo e o 10 de xullo estou con La Penúltima Sabinera ? El Tributo en Esteiro, Muros.

—Como se sente nestes intres?

—Como cantante estaba desexando pisar de novo un escenario, a música é para min unha forma de respirar e xa se me facía moi longo tanto tempo sen ensaios e sen concertos. Así que estou moi contenta de retomar a actividade musical, aínda que de momento sexa todo un pouco estraño con límites de aforo e medidas de seguridade, pero teremos que adaptarnos polo ben de todos.

—E como logopeda...?

—Reabrín a clínica o 11 de maio con tódalas medidas necesarias. Teño tamén pantallas para os pacientes, xa que os logopedas coa mascarilla témolo complicado, necesitamos verlles e que eles vexan a nosa, posto que a terapia é principalmente para a comunicación. Se non vemos a boca do paciente non podemos saber se está facendo ben a terapia e se o paciente non ve a nosa, non ten o modelo para seguir. Ademais, en canto á voz, coa mascarilla pérdese proxección, modifica o tono, a intensidade e a frecuencia e afecta á respiración.

—O papel dos logopedas é fundamental nestes tempos.

—Ao principio parecía que os logopedas non tíñamos un papel na atención a pacientes con covid-19 pero, a finais de maio, a OMS incluía dificultades na fala e no movemento como síntomas. A fala é un dos campos de atención dun logopeda, e tamén temos un papel na atención da disfaxia, que é a dificultade para deglutir e que pode aparecer despois dun longo período de intubación. Pode producir pneumonía ou atragantamento e morte se non é tratada como se debe, ou deshidratación e malnutrición ao prolongarse no tempo.

Faia Díaz: «Sentarse e gozar da música unha hora vainos vir moi ben a todas»

Montse garcía

A cantante ofrecerá este domingo no Gaiás o seu primeiro concerto en directo tras o covid-19

Non parou, porque a música seguiu estando presente no seu día a día, pero a cantante Faia Díaz ten a vista posta neste domingo, día 21. A partir das 17.30 horas, no Museo Gaiás, ofrecerá a súa primeira actuación en directo desde a crise sanitaria do coronavirus. As 60 entradas xa levan días esgotadas. «Despois de tanto tempo sen facer concertos, hai especiais ganas, pero tamén estamos moi curiosos por ver como funciona e por procurar pasalo igual de ben ca sempre», explicaba onte pouco despois dos primeiros ensaios a artista, que tamén forma parte do grupo De Vacas e do Coro Encaixe.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cando a música é a forma de respirar