Os segredos do caldo de nabizas, no «Come a comarca» da Terra Chá

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Os concursantes tamén cociñarán esta noite a partir das 22. 30 horas guiso de galo de Mos e roscón de Vilalba

16 jun 2020 . Actualizado a las 10:44 h.

Os cinco concursantes de Come a Comarca, que a TVG emite esta noite a partir das 22.30 horas, enfrontáronse no pasado programa ao equipo de cociñeiros profesionais da Terra de Trives elaborando un menú típico desta comarca de Ourense. Hoxe tentarán acadar a vitoria na Terra Chá.

Alejandro Rodríguez, exalcalde de Oia; Rulo Paz, cantante de orquestra; Ofelia Lema, vixiante de seguridade; María José Basanta, funcionaria e blogueira; e Celia González, peixeira; os cinco concursantes afeccionados de Come a comarca deberanse mergullar nesta ocasión nos pratos típicos desta comarca e aprender a elaboralos. Meteranse nas cociñas para coñecer o menú máis tradicional da comarca: caldo de nabizas e fabas, guiso de galo de Mos e roscón de Vilalba.

Coma en cada programa, un cociñeiro da zona faralles de guía pola gastronomía da comarca. Neste caso o encargado desta labor será Marcos Domínguez, cociñeiro do Parador de Vilalba. 

Os concursantes deste concurso-reality gastronómico coñeceran en primeira persoa canto hai que dobrar o lombo para apañar os grelos da man de Orsita Sierra, greleira experta de Abadín. Cunha materia prima de primeirísima calidade, Obdulia Castiñeira da Casa do Labrego de Begonte, explicaralles na súa cociña a mellor forma de preparar un bo caldo de nabizas.

Dominando xa o primeiro prato, Francisco Monasterio, granxeiro e presidente de Avimós, mostraralles en que se diferenza a raza do galo de mos doutras e a mellor maneira de sacarlle o máximo proveito a hora de cociñalo. E no tocante á sobremesa, serán as mulleres rurais de San Bartolomeu de Ínsua as encargadas de ensinarlles como se fai o roscón de Vilalba, un dos doces con máis fama destas terras.

Cinco cociñeiros de renome

Os concursantes deberán deixar de lado os desencontros de pasados programas e concentrarse nos fogóns, pois terán como contrincantes a cinco cociñeiros con moita experiencia. Trátase de Rocío Fernández e Marina López de Casa Varela (Begonte), Pilar García e Antón Castro de Casa Gaybor (Guitiriz) e Antonio Currás da panadería Currás (Vilalba). Os dous equipos enfrontaranse no Campo da Feira de Vilalba, e quince veciños serán os encargados decidir cal deles é o gañador.

Seguinte parada: O Salnés

Fran Cañotas é o presentador de Come a comarca, dirixido por Edu Lavandeira e producido por Voz Audiovisual. No vindeiro capítulo, os concursantes deixarán atrás o interior da provincia de Lugo para volver á costa, concretamente á comarca do Salnés, para a aprender a cociñar os pratos máis típicos do lugar.