Concertos na Muralla, xogos tradicionais desde Muimenta e feira en Vilalba

Laura López LA VOZ / LUGO

SOCIEDAD

A asociación Xotramu celebra a festa de xogos tradicionais con diferentes actividades virtuais e tamén coa iniciativa «Tecendo Brincadeiras».
A asociación Xotramu celebra a festa de xogos tradicionais con diferentes actividades virtuais e tamén coa iniciativa «Tecendo Brincadeiras».

O lecer volve aos concellos da provincia de forma presencial e virtual con iniciativas lúdicas, musicais e mercados para o domingo 7

06 jun 2020 . Actualizado a las 18:34 h.

As actividades de lecer volven pouco a pouco a encher a axenda cultural da provincia. Concertos na Muralla, xogos tradicionais desde Muimenta e feira en Vilalba son algunhas das alternativas para a xornada do domingo 7.

En Lugo continúa a programación Muralleando Sen Parar, que organiza o Concello de Lugo, con concertos gratuítos en diferentes puntos da Ronda da Muralla. Será de venres a domingo, entre as 20.30 e as 22.00 horas. Esta iniciativa musical segue o domingo 7 con tres actuacións: Funkombo actuará na zona entre San Fernando e o edificio administrativo da Xunta, Muddy Doll na Mosqueira, e Ship of Fools na Porta Miñá.

Esta iniciativa pioneira aportará un fío musical arredor da Ronda, con 36 formacións musicais lucenses de todos os estilos. «Os grupos musicais estarán dispostos en diversos puntos dos xardíns da Ronda da Muralla, de maneira que unha volta á Muralla se converterá tamén nunha viaxe musical», segundo explicou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro.

Por outra banda, antes da declaración do estado de alarma, estaba prevista para o domingo 7 en Muimenta a XII Festa dos Xogos Tradicionais que cada ano organiza Xotramu (Asociación de Xogos Tradicionais Muimenta). A situación de alerta sanitaria pola pandemia do covid-19 motivou que a cita fose aprazada, pero co obxectivo de manter vivo o espírito da festa e de dar a coñecer a gran familia que hai detrás dela, organizaron numerosas actividades a través das redes sociais.

Trátase tamén de poñer de manifesto e visibilizar a importancia do xogo na vida das persoas para facer comunidade lúdica. Haberá pequenos vídeos con propostas de xogos, para todas as idades, que se compartirán ao longo de toda a xornada, e tamén colaboracións de persoas ou colectivos vinculados a Xotramu.

Tecendo Brincadeiras

A primeira aportación á visibilización desta cita vén de Natalia García, voluntaria de Xotramu, creadora da iniciativa Tecendo Brincadeiras que, tras encher as rúas de Lugo con xogos pintados no chan, suma a idea levándoa a Muimenta: «Xa que non hai a edición Xotramu, que o xogo siga visible nestas datas», comenta Natalia. Así, durante a fin de semana pintaranse os xogos de Tecendo Brincadeiras para que Muimenta siga gozando do xogo como cada primeiros de xuño desde hai xa 12 anos.

«É moito o capital humano que hai detrás de Xotramu e esta é a mellor ocasión para darlle o protagonismo porque sen xente que xogue o xogo non ten sentido e Xotramu ten e quere visibilizar moita da súa xente: voluntariado, colaboracións, compañeirismo, veciñanza,.... imprescindibles en calquera das edicións Xotramu! Desde a asociación so podemos dicir: grazas, grazas, grazas... un ano máis!», explican desde Xotramu.

Por outra banda, o sorteo dunha noite no Spa Attica de Vilalba, previsto para o luns 8, quedou cancelado, pero celebrarase o 8 de xuño do 2021. As rifas adquiridas para o sorteo deste ano serán válidas para o do ano que vén.

En canto a Vilalba, recuperan o domingo 7 a feira mensual, tralo parón dos últimos meses. Haberá cambios, sobre todo, na ubicación: os que antes se colocaban na Praza da Constitución instalaranse agora na Avenida da Terra Chá e na rúa Benxamín Paz. Ademais, nas prazas de Santa María e do Coronel Pena colocaranse tamén postos de alimentación. E os de venda de animais estarán no campo da feira.