Miriam Fernández, artesá vilalbesa: «Aprendín moito coas mulleres de San Bartolomé de Insua»
SOCIEDAD
A tecelá e historiadora da arte aproveitou o confinamento para investigar, impulsar a venda en liña e seguir tecendo para facer stock
07 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Miriam Fernández Otero (San Bartolomé de Insua, Vilalba, 1990) converteuse nun piar da artesanía lucense, dando relevo xeracional ao oficio de tecelá, un traballo tradicionalmente vinculado ao mundo feminino e que foi de grande importancia para o sustento económico das familias galegas.
Esta moza chairega, historiadora da arte, formouse como tecelá e abriu un obradoiro en Vilalba, dende onde confecciona artigos artesanais, investiga sobre arte, etnografía, téxtil e cultura do mundo antigo, e divulga o oficio, ademais de impulsar o tecido asociativo da zona. Esta labor materializouse coa creación no 2007 da Asociación de Mulleres de San Bartolomeu de Insua, da que foi unha das súas fundadoras, e que recuperou a tradición do liño na parroquia.
—Como comezou neste oficio?
—Comecei coa asociación San Bartolomeu de Insua, que recuperou o cultivo do liño. Aprendín moito con estas mulleres e recibín formación de tecedura. Pero antes de min comezou miña nai como tecelá, e tamén aprendín dela, e xuntas fomos a cursos do Centrad. Hai catro anos montamos o taller Fusaiola, rexistrado co selo de Artesanía de Galicia.
—Por que decidiu dedicarse á tecedura?
—Eu estudei Historia da Arte, e sempre me gustou o tema da etnografía e da tradición. Ademais, a miña familia sempre foi de tecelás, unha tradición que se perdeu coa miña avoa e recuperou miña nai. Pero miña bisavoa e as tías-bisavoas eran tecelás moi recoñecidas. E o resto da familia tamén estaba moi enfocada aos oficios tradicionais: zoqueiros, ebanistas... E decidín continuar coa tradición.
—É difícil?
—Ten o seu aquel. O máis complicado é endeñar, é dicir, montar os fíos nos lizos.
—Como afectou a pandemia ao traballo no taller?
—Por un lado, estabamos no proxecto do Centrad Tecer para crer, que tivo que aprazarse. Por outra parte, a artesanía non é un ben de primeira necesidade, así que se reduciron moito as vendas, e as feiras e demostracións canceláronse. Así que estamos traballando para poñer en marcha a venda on-line, co que tamén poderemos ampliar mercado, e seguimos tecendo para facer stock.
—Que tipo de encargas reciben?
—Por un lado, temos encargas específicas, por exemplo, para traxes rexionais. Pero tamén facemos chales, bolsos de man... Usamos tecidos tradicionais e pezas actuais, sobre todo con liño e la, pero tamén algodón e algo de fibra sintética. A maioría das encargas proceden de Galicia, pero tamén temos peticións doutros puntos do país, xa que realizo colaboracións con museos. Ademais de tecelá, e tamén pola miña formación en historia da arte, realizo traballos de investigación sobre tecidos históricos, así que tamén me encargan algunha prenda histórica. Para o Museo de Gilena (Sevilla), por exemplo, fíxenlles un cinto téxtil como parte do equipamento dun hoplita, pero tamén tiven encargas de museos de Extremadura, Zaragoza... Tamén impartimos cursos de tear de alto e baixo lizo e outras técnicas téxtiles.
—Leva moitas horas confeccionar as pezas?
—Depende da gramaxe, dos debuxos da tea, da axilidade que teña cada tecelá...
—É posible vivir da artesanía?
—Sobrevívese máis ben. Eu entendo que á xente ás veces lle pareza caro o prezo dun artigo, pero detrás de cada peza hai moitas horas que non se ven. Por iso é necesario diversificarse. E por iso creo que non hai relevo xeracional, porque custa vivir disto, é moito esforzo que moitas veces non compensa ou non sae adiante.
«Realizo traballos de investigación sobre tecidos históricos e recibo encargas de museos»
«A tecedura está moi arraigada na Terra Chá e antes había un tear en case todas as casas»
Miriam Fernández publicou o ano pasado o libro As Mulleres de Insua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica, editado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e financiado pola Deputación de Lugo. Trátase dunha obra sobre patrimonio etnográfico e sobre a experiencia de recuperación do cultivo tradicional do liño a mans da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, a planta do liño e a súa historia, o proceso tradicional, a experiencia asociativa, cancións, lendas...
—Por que decidiu escribir o libro?
—Foi unha forma de celebrar o décimo aniversario da asociación, de contar todo o proceso de recuperación etnográfica e da historia de como se comezou en Insua. Nel explico todo o universo cultural sobre o liño, o traballo da tecedura, cos apeiros, e como é cada paso nas prácticas que se fan na nosa parroquia. Tamén recollín cantigas e lendas. Hai moita tradición na zona, a tecedura está moi arraigada na Terra Chá e antes había un tear en case todas as casas.
—Como naceu a Asociación de Mulleres de San Bartolomeu?
—Eu fun unha das fundadoras, hai máis de dez anos, comecei con 17... E empezamos para darlles un punto de información e formación ás mulleres da parroquia. Comezamos tamén coa recuperación do cultivo tradicional do liño e de toda a cultura xerada ao seu arredor, celebrando cada ano, ademais, a Tasca do Liño. Na actualidade hai unhas cincuenta mulleres inscritas, aínda que somos unhas quince as encargadas de todo o proceso do liño.
—Sementaron liño este ano?
—Si, fixémolo en maio, e por separado, para cumprir coas medidas sanitarias. Agora ten que madurar, hai que arrincarlle as malas herbas... En xullo arríncase, rípase, lávase no río e déixase nove días. Despois sécase, mázase e gárdase para a Tasca en outubro.
—Haberá Tasca do Liño este ano?
—Por agora, a Tasca está en pé, pero todo depende de como evolucione a situación sanitaria. Ao mellor temos que facer actividades en liña, como mesas redondas ou divulgar vídeos.