Jaime González Pichel: «As agrupacións musicais demos un sopro de ánimo»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SOCIEDAD

MARCOS MÍGUEZ

O lalilense González Pichel destaca o papel da cultura no estado de alarma e fala do novo disco da coral

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Coral Polifónica do Casino do Carballiño, que dirixe o lalinense Jaime González Pichel, acaba de rematar malia a situación de alarma sanitaria un novo traballo discográfico que terá que agardar aínda un chisco para poder ser presentado oficialmente. Falamos con González Pichel do contido desta nova proposta musical e do papel da música nestes tempos de pandemia.

-Momentos complicados tamén para os grupos musicais.

-Creo que intentamos chegar á xente máis ca nunca. As agrupacións musicais tivemos unha especial sensibilidade para coas persoas e demos un sopro de ánimo nesta pandemia. Concertos nos balcóns, vídeos virtuais que están colgados... foi un exercicio de saúde mental por nós mesmos e para os seguidores.

-Non pararon e o resultado é un novo cedé.

-Comezou o confinamento cando estabamos co cedé en marcha e coa corentena do pasado marzo tivemos que rematalo como puidemos; mesmo a través de skype, algo que sería totalmente impensable anos atrás, pero finalmente xa temos o resultado nas mans. É un traballo que se titula A Bioxenese 79; unha palabra grega que significa o principio da vida a partir da non existencia ganada e o número 79 vén polo ano fundacional da Coral Polifónica do Carballiño. O fío condutor é unha serie de concertos que realizamos no pasado ano 2019, que culminaron a finais de ano cunha gravación na que contamos coa colaboración da Banda de Música de Vilatuxe en varios temas.

-A presentación oficial terá aínda que agardar?

-Un pouco. Quince días ou máis. Conste que sabemos dun bo puñado de seguidores que xa están disfrutando do novo traballo pero a presentación oficial non sabemos aínda cando será exactamente. Estamos agardando que se permita a mobilidade entre provincias e despois xa iremos barallando data.

-Moitos proxectos parados por esa incerteza?

-Bastantes. Non sabemos a curto prazo que vai pasar. Sen ir máis lonxe todos os anos tiñamos o Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Portugués, o único destas características que se fai no país, pero agora mesmo está no aire ao non estar claro se poderán vir grupos portugueses a actuar ao Carballiño. Non sabemos se se poderá facer. Ao mellor prantexamos algo virtual... Temos que adaptarnos ao que temos e seguir facendo as cousas pero doutra maneira. O que non podemos é quedarnos parados. Recentemente, por exemplo, fixemos un concerto virtual con outras agrupacións locais; o caso é manterse activos aínda que sexa dunha maneira diferente sempre con traballo e ilusión.