O Carballiño prorroga ata o 16 de xullo a obriga da limpeza das fincas

La Voz

SOCIEDAD

Santi M. Amil

O prazo remataba o 31 de maio pero, debido ao estado de alarma, ampliouse a data

26 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello do Carballiño editou este luns un bando, asinado polo alcalde, no que se informa da decisión de prorrogar ata o 16 de xullo a data de limpeza de maleza como medida de prevención contra os incendios. No referido bando lémbrase que ante a chegada do verán, e a cantidade de incendios que houbo nos últimos anos, e sendo conscientes de que existen moitas parcelas con maleza, próximas ás vivendas e bens, con potencial perigo de incendios, os propietarios de ditas parcelas teñen a obrigatoriedade de mantelas limpas nunha franxa de 50 metros perimetral ao chan urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como arredor das edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte. Aínda que estes traballos de xestión da biomasa deberían estar rematados antes do 31 de maio próximo -o vindeiro domingo- «debido ao Estado de Emerxencia pola situación da pandemia do covid-19, este prazo prolóngase ata o 16 de xullo». No caso de non acometer a limpeza o Concello realizará subsidiariamente os traballos «e o custo da actuación recaerá nos titulares segundo as taxas, infraccións e sancións da ordenanza municipal».