Cambados implanta o sistema de códigos QR para a lectura de cartas e menús nos bares e restaurantes

La Voz CAMBADOS

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

Os hostaleiros poden acollerse a este servizo de xeito gratuíto

23 may 2020 . Actualizado a las 22:31 h.

Ante a prohibición da utilización das cartas físicas nos bares e restaurantes como consecuencia dos protocolos de seguridade establecidos para os locais de hostalería durante o estado de alarma, a asociación de comerciantes Zona Centro e o Concello de Cambados van poñer un marcha un sistema dixital para que os clientes poidan consultar a carta e os menús a través de códigos QR. Con este propósito, todos aqueles hostaleiros interesados en dispoñer deste sistema terán que poñerse en contacto co Concello ou a asociación para remitirlle a carta do local, e, desta maneira, elaboraranse etiquetas cun destes códigos para as mesas das terrazas, que permitirán aos clientes acceder á carta do local desde os seus dispositivos móbiles a través da web de Cambados Zona Centro ou da súa propia web no caso de dispoñer dela.

Esta plataforma ofrecerá aos negocios a posibilidade de obter un código QR personalizado coa súa carta que se enviará, tamén, directamente ao establecemento para a súa impresión.

Esta medida complementa outras que están adoptando o Concello e Zona Centro dentro da campaña de prevención e seguridade sanitaria para os negocios da localidade, que inclúe a entrega de material sanitario e de carteis para os escaparates que representen en forma de iconografías as medidas básicas de hixiene e a renovación do material publicitario do municipio con mensaxes de concienciación e para fomentar o consumo local.

Desde o Concello lembran que os locais de hostalaría que vaian abrir nos vindeiros días e non dispoñan de mascaras, xel hidroalcohólico e demais material sanitario preciso para a súa apertura poden dispoñer del de forma gratuíta na asociación de comerciantes Zona Centro, sita na Rúa Nova, con independencia de que formen parte ou non da asociación.