Lugo terá un auto-cine este verán

Estará no aparcadoiro do Pazo dos Deportes e o son chegará pola radio do propio coche


La Voz / Lugo

O Concello de Lugo porá en marcha un auto-cine este verán. Estará no aparcadoiro do Pazo dos Deportes e para acceder será necesario solicitar unha invitación. Así o anunciou esta mañá a edil de Cultura do Concello, Maite Ferreiro: «Adaptamos as propostas á realidade que estamos a vivir, pensando sobre todo nas medidas de prevención que se deben manter, xa que a saúde ten que ser o primeiro». Engadiu que «queremos que a cultura volva á rúa e pensamos sobre todo en dúas cuestións: ter animación na cidade e manter a actividade dos grupos e artistas locais. Coas limitacións e protocolos que hai que cumprir na programación de espectáculos públicos tivemos que facer un esforzo imaxinativo para facer algo acaído a esta circunstancia», suliñou Ferreiro.

Unha das propostas máis novidosas será a programación dunha serie de proxeccións nun auto-cine. Esta iniciativa levarase a cabo en colaboración coa área de Cultura da Deputación, xa que «as proxeccións do auto-cine percorrerán varias localidades da provincia, pero as primeiras faranse en Lugo». Realizaranse nunha pantalla led de grandes dimensións e o son chegará ao interior dos vehículos pola radio do propio coche, a través dunha frecuencia de FM que se activa a tal efecto. Para poder acceder, haberá que solicitar a correspondente invitación «para evitar atascos e que acuda un número de vehículos superior á capacidade do auto-cine», explicou a concelleira.

Concertos na Ronda

Outra das propostas novidosas será o programa «Muralleando Sen Parar». Durante varias fins de semana, a Ronda da Muralla será escenario de varios concertos simultáneos de grupos e artistas locais. «Instalaremos pequenos escenarios en varios puntos arredor da Muralla para animar o paseo das moitas persoas que se animan a camiñar pola Ronda, a xente non deberá pararse a ver os concertos, a idea é gozar da música mentres camiñamos», indicou Maite Ferreiro, que avanzou que «contaremos cos artistas e empresas de son de Lugo porque sabemos que van ter un verán difícil en canto ao número de actuacións, e a obriga das administracións é apoiar á industria cultural».

A área de Cultura tamén programará artes escénicas en espazos abertos. «Imos aproveitar as prazas da cidade que nos permitan controlar o aforo de asistencia e cumprir coa normativa», dixo Ferreiro, e engadiu que «hai espazos moi pouco utilizados que son idóneos para, neste momento, facer programación de calidade e con garantías para o público asistente, tamén para artistas e persoal técnico».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Lugo terá un auto-cine este verán