Os hostaleiros de toda a cidade que queiran ampliar mesas terán que facer unha petición e poderán empregar a área destinada a aparcamentos

la voz

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniu hoxe á Comisión de Tráfico co fin de avanzarlles o bando que regulará a ampliación e a nova instalación de terrazas dos establecementos hostaleiros co fin de axudar á recuperación da actividade dun dos principais sectores económicos da cidade, «do que viven miles de familias», sostivo. 

A rexedora incidiu en que estas medidas serán de carácter excepcional polas circunstancias derivadas da pandemia e lembrou que, na xuntanza que mantivo hai un días coa Asociación de Hostaleiros para consensuar as accións, se lles solicitou que a aplicación do bando debe ser respectuosa co dereito da veciñanza para desprazarse pola cidade sen barreiras e co mantemento do espazo necesario para a circulación de vehículos de emerxencia. 

Seis rúas afectadas

Neste senso, o Concello pechará ao tráfico rodado seis rúas: Mallorca, Recatelo, carril dos Loureiros, Isaac Díaz Pardo, Vila de Sarria e Avelino Pousa Antelo co fin de incrementar, por unha parte, os espazos de paseo da cidadanía e, pola outra, da superficie destinada á terraza.

Ademais, permitirase a instalación de mesas e cadeiras nas prazas públicas e nas rúas peonalizadas

No caso da Praza de Augas Férreas, ademais do seu uso para ampliar ou colocar novas terrazas, gañarase espazo para a cidadanía, xa que quedarán como zonas exclusivamente peonís e libre de terrazas a vía de intersección entre as rúas Cánovas del Castillo e Rafael Dieste e a de  intersección con Vázquez Seijas. 

Beirarrúas ou áreas de estacionamento

Por outra banda, os locais poderán usar as beirrarúas ou, alternativamente, a área destinada aos estacionamento de vehículos pero só na marxe da vía lindeira coa beirrarúa na que se atopa a fachada do establecemento, e por unha distancia, en ambos os dous casos, que non supere a lonxitude da fachada. 

A alcaldesa insistiu en que, en todos os casos, os hostaleiros deberán adoptar as medidas de delimitación do espazo ocupado de xeito que se garanta a seguridade tanto dos usuarios como dos viandantes, así como as medidas necesarias para a accesibilidade. 

Os establecementos deberán remitir ao Concello unha comunicación previa da ampliación ou instalación da terraza, xunto coa fotografía da fachada do establecemento ou do espazo debidamente  delimitado, e xustificante de pago do último recibo do seguro de responsabilidade civil obrigatorio. 

Do 23 de maio ao 31 de agosto

Lara Méndez anunciou que as medidas entrarán en vigor o día 23 deste mes e durarán ata o 31 de agosto. Lembrou, así mesmo, que o Concello seguirá sen cobrar os recibos pola instalación de terrazas. 

A rexedora destacou que a Policía Local realizará un seguimento co fin de que se respecten en todo momento as pautas de seguridade e protección, como as distancias, co fin de que as terrazas non se convertan nun risco de contaxio. Apelou unha vez máis á responsabilidade individual e colectiva de todos e todas as lucenses neste proceso de desescalada, «onde nos xogamos o máis importante que temos, as nosas vidas e as vidas dos nosos seres queridos».