«Inda que volva haber carreiras, pilotos que corran vai haber a metade»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

MARTINA MISER

Tino Iglesias ve lonxe pilotar de novo e reabrir o seu taller para coches de competición. A súa escudería cancela a primeira proba que ía organizar na súa historia, o Ralimix do Albariño

18 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tino Iglesias vive por, para e tamén do mundo do motor. Piloto laureado de varias modalidades de automobilismo desde hai tres lustros, centrado nos últimos anos nos ralis e no autocrós, o ribadumiense rexenta un desguace no polígono cambadés de Sete Pías e un pequeno taller especializado na reparación e no mantemento de vehículos de competición, cunha clientela que abrangue toda a provincia pontevedresa. É por iso Tino un home dobremente prexudicado por esa volta ao calcetín que o covid-19 lle deu á realidade. Alá van xa dous meses sen poder competir nin abrir as portas do taller. E o que queda por diante, di.

O arousán estaba entre as decenas de pilotos que se quedaron coas ganas de competir no Ralimix de Cuntis na fin de semana do decreto do estado de alarma. «Ata o venres non soubemos que non se facía», recorda. Iglesias viña de asinar co seu Ford Fiesta N5 un noveno posto no Rali da Coruña, a única proba que puido gozar o automobilismo galego antes do gran parón. «A verdade é que cando comezou todo isto non parecía que era tanta a cousa. Pero a partir do 14 de marzo vin que a cousa non era fácil, non era fácil. E non só polo tema sanitario. Cando acabe o estado de alarma o tema económico vai quedar tocado» e con el, sinala Tino Iglesias, o seu deporte e, por extensión, o seu taller.

«A Federación Galega quedou de dicir algo o día 20 -este mércores-, están a tentar retomar o calendario. Eu véxoo complicadísimo. E inda que poidan sacar as carreiras adiante, pilotos para correr vai haber menos da metade dos que saiamos antes disto», vaticina o arousán.

«A maioría dos rapaces da miña escudería que corren fano cos seus soldos, e algúns quedaron sen el», sinala Iglesias. Unha circunstancia común a unha parte importante dos pilotos do mundo do motor galego. Ata el mesmo, con anos de rodaxe e á fronte dun desguace no que traballa xunto a seis empregados, dubida se retomará a actividade deportiva este ano de poder reiniciarse o calendario.

Polo que respecta ao seu taller, Tino desbotou como co desguace pechar a actividade e tirar de ERTE. Os dous empregados, un deles seu fillo, levan estes dous meses ocupándose unicamente de manter a punto os oito coches das dúas xeracións de Iglesias e un par máis de compañeiros da escudería presidida polo propio Tino, Desguaces Tino Racing. «Os coches», di, «parados non poden estar. Rompen máis parados ca funcionando». E «mentres non se retomen as carreiras», comenta, dá por feito que o taller seguirá conxelado.

Así as cousas, Iglesias concentra a súa atención no desguace. Ata a Fase 1, sete días atrás, «as vendas foron practicamente 0. Pero tiña moito traballo atrasado», conta o ribadumiense. E é que as semanas de confinamento xeralizado permitíronlle trasladar a maioría do material que tiña pendente de levar a unha segunda nave no mesmo polígono de Cambados para a súa apertura. «E nun mes, estará lista tamén. Dentro do malo, non foi o peor».

Desde a semana pasada «comezamos a vender bastante, o 50 % do que vendiamos antes ou mesmo menos», calcula Tino. Pero en circunstancias de crise como a presente, «a xente tira máis dos desguaces». Unha boa razón para poder empezar a pensar en positivo a falta de deporte e taller.

A súa escudería cancela a primeira proba que ía organizar, o Ralimix do Albariño

O 2020 era un ano especialmente ilusionante para Tino Iglesias. Máis aló dos seus plans persoais, centrados no Campionato Galego de Ralimix -mestura de terra e de asfalto-, o arousán ultimaba a que ía ser a primeira carreira organizada por Desguaces Tino Racing, a escudería que preside desde que a puxo en marcha hai preto xa de dez anos.

Baixo a denominación de Ralimix do Albariño, a proba, puntuable para o Campionato Galego da modalidade, contemplaba as súas tres primeiras pasadas o sábado 22 de agosto, e as dúas restantes o domingo 23, cun trazado no concello de Ribadumia.

«Sendo a primeira vez que organizabamos unha carreira xa o tiñamos complicado, porque non sabiamos como facer. Pero agora as empresas que máis nos podían apoiar economicamente, as adegas, están paradas. Por iso», informa Tino Iglesias, «decidimos xa non facelo».

Unha decisión nada fácil, por canto o piloto local podería ter recibido o calor dos seus veciños quen sabe se para apurar un novo título dunha modalidade na que, repasa, conta con tres vitorias na xeral autonómica, rematando segundo na edición do 2019.

Agora, coa nova situación derivada da pandemia do coronavirus covid-19, Tino Iglesias moito se teme que, inda no mellor dos casos, que a Federación Galega de Automobilismo consiga sacar adiante parte do calendario, «dos 20 pilotos que seremos na miña escudería, ao mellor seguen cinco».