O coronavirus pon en punto morto o estudo arqueolóxico de Galicia

Carla Elías Martínez
Carla Elías REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Imaxe dunha escavación anterior no castro de Doade, en Lalín
Imaxe dunha escavación anterior no castro de Doade, en Lalín

Agás labores de urxencia como rehabilitacións ou cortas, o sector permanece parado

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Exceptuando labores de arqueoloxía de urxencia, como rehabilitacións ou cortas, o eido da arqueoloxía atópase en punto morto pola crise sanitaria do coronavirus. Máis da metade dos arqueólogos nacionais están no paro, e o sector sufriu nesta crise perdas por valor de máis de 36 millóns de euros, segundo os datos que recolle a Plataforma Estatal de Profesionais da Arqueoloxía. «A maioría das intervencións máis importantes que se ían desenvolver este ano, se non están asociadas á arqueoloxía de urxencia, quedaron adiadas ou canceladas», advirte Fátima Sánchez Blanco, técnica arqueóloga. A incerteza derivada da pandemia agrava aínda máis un sector castigado xa pola propia idiosincrasia da profesión. «Os contratos son sempre temporais, dependen do volume de traballo das empresas para as que se traballa. Ao non ter un contrato a longo prazo, un traballador non se pode acoller a ERTE nin a ningún tipo de axuda. Simplemente, os arqueólogos quedan sen traballar e sen ningún tipo de opción», sinala a técnica. Hai incluso quen expón a necesidade de cambiar de profesión. «Hai unha grande incerteza. Non sabes se poderás seguir traballando ou terás que valorar outras opcións, como cambiar de profesión ou reorientarte a outro tipo de actividades, que é o que unha grande porcentaxe de profesionais acaban facendo», lamenta outro técnico arqueólogo, Víctor García Piñeiro.

Para frear este parón, os concellos e os promotores tratan de evitar a suspensión das axudas a proxectos programados para este ano, como é o caso da intervención no monte San Paio, en Vila de Cruces. O equipo de traballo que iniciou o ano pasado a escavación -impulsada polo Concello- atopou indicios de ocupación romana no castro e restos dun muro e un edificio, pero agora o proxecto permanece parado como consecuencia da crise. Mais dende o Concello de Vila de Cruces agardan que sexa por pouco tempo. «Solicitamos a subvención de Agader para seguir co estudo. A nosa intención, se vén aprobada, é continuar», indica a concelleira de Patrimonio Turístico, Maricarmen Silva. Aposta polo sector e este tipo de proxectos como un impulsor do turismo cultural no municipio. «É un atractivo. Mandáronse os resultados a analizar a Miami e estamos pendentes. Queremos facer unha presentación e seguir traballando no castro para poñelo en valor», avanza a edil. 

Sen medidas de protección

Aínda que ninguén tira a toalla, neste momento os traballos de arqueoloxía de urxencia son o principal labor, e os profesionais reclaman medidas de seguridade iguais ás de calquera outra profesión. «O parón producido pola crise do covid-19 pon en evidencia moitos problemas que se veñen arrastrando. Por exemplo, a pesar de non ser un sector prioritario, durante estes dous meses vímonos na obriga de seguir facendo arqueoloxía, acompañando obras e participando na xestión de traballos forestais, por exemplo, sen que se nos tivese en conta como unha profesión á hora de anunciar medidas de protección», explica a arqueóloga Vanesa Trevín, que amais critica que a urxencia de parte do seu traballo non tivese repercusión no momento de confinamento absoluto. «Vímonos na obriga de dar inxentes explicacións ás autoridades durante os traballos que tivemos que desenvolver, sen ter pautas regradas para facelo, máis alá das presentadas para a construción ou sectores similares», lamenta. 

Prácticas durante a formación

O campo da docencia e a investigación arqueolóxica tamén mira con receo ao futuro máis inmediato, aínda que tratarán de recuperar as prácticas que deberían realizarse estes meses. «De maneira consensuada entre as institucións e o alumnado, levouse a cabo un atraso neste calendario para tratar de garantir que as prácticas académicas externas se poidan realizar, se o estado de confinamento xa non existe nese intre», explica Pilar Prieto, profesora de Arqueoloxía na Universidade de Santiago.

«A sétima campaña no castro de Doade queda adiada»

No castro de Doade, en Lalín, o Museo Etnográfico Casa do Patrón -«o maior de Galicia», sinala o responsable, Manuel Blanco- deixará por primeira vez este ano sen facer a campaña de escavación e posta en valor do poboado, onde levan seis anos traballando. «É moi complicado facer isto para unha iniciativa privada. Somos unha asociación cultural, e os recursos son escasos», lamenta o promotor.

A paralización do traballo de campo neste castro supón un duro golpe para o sector en Galicia. Só neste punto traballaban anualmente entre dez e vinte arqueólogos, entre profesionais e estudantes universitarios do máster de Arqueoloxía. A data de inicio que tiñan prevista para a nova campaña era o 4 de maio. «Pero quedou adiada», indica Blanco.

Non é o único traballo sen data de reinicio. «Este ano tiñamos pensado escavar tamén unha mámoa, e o que fixemos foi prorrogar o convenio e a axuda un ano máis», engade o promotor. Este proxecto podería activarse este ano se chega aprobada a axuda económica. «Este proxecto vai por outra vía, non temos estudantes do máster. Se podemos facer unha parte, farase, pero está suxeito a un convenio con Agader. Se podemos dispoñer de recursos faremos un esforzo extraordinario e empezaremos xa este ano, a finais do verán, en setembro ou outubro», explica Blanco. Recoñece que é normal a prioridade dos recursos públicos para loitar contra a pandemia, pero o sector está sumido na incerteza. «O que está claro é que sen apoio público a profesión dos arqueólogos ten pouco futuro en Galicia», advirte Blanco. 

Apertura do museo

Ademais do traballo de campo, o conxunto arqueolóxico conta co museo etnográfico, un restaurante, unha área de recreo e unha ruta de sendeirismo (PRG-210). Tras máis de dous meses pechado, o museo abriu onte. «O restaurante contamos con abrilo o 26», avanza Manuel Blanco. Non obstante, recoñece que todo presenta moitas dúbidas. «O peche colleunos en plena temporada do curso escolar, barrenounos tódalas visitas de abril, maio e xuño. Estamos a falar duns 5.000 nenos e profesores de colexios galegos. Arruinounos o ano», recoñece. Ao longo do ano poden pasar polo museo e o castro unhas 15.000 persoas. «Agora os autobuses non poden vir cheos, os colexios están pechados... Vai custar poñer isto a funcionar ao nivel anterior. É francamente complicado», lamenta o responsable.

A pesar da paralización da actividade, sinala que os restos arqueolóxicos non poden abandonarse e necesitan mantemento e limpeza. «Estes meses, en definitiva, quedamos cos gastos e faltaron os ingresos. Esta semana dúas persoas estivemos limpando durante varios días a muralla e a ruta para que estean visitables. Pódense ver os restos arqueolóxicos, as casas e a muralla, e hai láminas explicativas. Tamén temos unha sala de arqueoloxía con restos do castro, e unha réplica exacta de como era a maior casa que apareceu no conxunto castrexo», sinala Blanco.