Un día das Letras Galegas para conmemorar vía «streaming»

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA

SOCIEDAD

Martina Miser

Os concellos retransmiten concertos e convocan concursos de poesía. Os únicos actos presenciais celebráronse en Cambados e Meaño

17 may 2020 . Actualizado a las 14:41 h.

A pandemia relega os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas a Internet, pero a música e os poemas non faltarán esta fin de semana. O único concello no que houbo un acto presencial é Cambados, onde decidiron manter a tradicional ofrenda floral ante a escultura de Ramón Cabanillas no paseo da Calzada, este mediodía. Varios escritores leron poemas, Emilio Xosé Insua realizou unha disertación sobre a biografía e bibliografía do autor homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero, e non faltou tampouco a música tradicional. En Meaño, tamén celebraron un acto simbólico de homanexe ao autor que consistiu na colocación dun libro ao lado da ensenada de Dena, co que, de paso, o Concello quere reivindicar o valor natural deste entorno.

A partir de aí, a oferta cultural pasará a formato streaming. Cambados, Vilagarcía, Ribadumia e Meaño son algúns dos concellos que retransmitirán a través das súas redes sociais, o domingo a partir das sete da tarde, un acto presentado por Lucía Rodríguez que vai servir de homenaxe a Carvalho Calero. O académico cambadés Francisco Fernández Rei e o profesor Carlos Yus falarán da súa vida e obra; Mariña Area, estudante de Filoloxía Galega na USC, recitará varios poemas do autor e a parte musical correrá a cargo do grupo Onte e Hoxe, que interpretará un repertorio de cancións galegas dos anos 60 e 70 ata a actualidade.

Outra vía que exploraron os concellos foi a convocatoria de concursos de poemas a través da Internet, caso de Cambados, Ribadumia e Meaño, nos que invitan a rapaces e adultos a expresarse en verso e en galego aproveitando a festividade do 17 de maio. As bases dos concursos poden consultarse a través dos respectivos perfís de Facebook dos concellos.

Algunhas escolas de música municipais tamén prepararon algo especial para este día, que no caso de Cambados e Meaño poderanse ver a través dos seus Facebook a partir de hoxe e en Vilagarcía, a falta da tradicional ofrenda en Carril, a banda de música interpretou este mediodía o himno galego a través de Facebook.

Pola súa banda, o Concello do Grove invita aos veciños a ver un vídeo a través das redes sociais do Concello no que se ofrece unha explicación da conmemoración deste ano ademais de contar coa lectura de poemas de Rosalía de Castro a cargo do persoal e usuarios da rede de bibliotecas. A través das redes tamén estará dispoñible o poemario «O tempo voa», de Joao Pedro Méssder e Gémeo Luis, e o contacontos «Un segredo do bosque», de Javier Sobrino e Elena Odriozola.