O Arousa encara a súa primeira fase de ascenso en 27 anos como un maratón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

MARTINA MISER

Rafa Sáez prioriza a inmunización do seu equipo contra a «ansiedade por xogar» unha promoción prevista dentro de dous meses e medio no mellor dos casos

12 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os xogadores están tolos por volver. Queren xogar, e punto». O vicepresidente deportivo do Arousa, Rodrigo Lojo, condensaba en dúas frases contundentes o estado de ánimo xeral entre o cadro de futbolistas do primeiro equipo arlequinado desde que a finais da semana pasada a Real Federación Española de Fútbol oficializase o que todo o mundo daba por feito desde o anuncio ao respecto do propio ente federativo case un mes atrás. A presenza do conxunto vilagarcián no formato exprés da fase de ascenso do Grupo 1 da Tercera División, co regreso do club á promoción a Segunda B 27 anos despois, é sen dúbida unha dose de adrenalina pura á hora de reactivar o corpo e a mente de calquera deportista que se prece. E mais, nun estado de confinamento a piques de cumprir os dous meses, sen apenas relaxación durante os 50 primeiros días, ata a recuperación da práctica individual deportiva ao aire libre. Camiño de superar ese sempre efervescente e efémero estadio físico e mental chamado euforia, o grande estratega do Arousa, Rafa Sáez, púxose mans á obra, reenfocando o traballo de mantemento personalizado dos seus pupilos en cadansúa corentena domiciliaria co obxectivo de reensamblar un colectivo con potencial e aspiracións de ascenso. E o primeiro paso, indispensable, consiste en respirar profundamente, e contar ata dez.

«Queda un camiño moi longo, un camiño moi longo que hai que percorrer con lentitude. O máis importante agora é non caer no terreo da ansiedade por xogar», declaraba onte o técnico pontevedrés, quen alertaba da «fatiga mental» que provocaría non comprender que o que queda por diante semella máis a preparación dun maratón ca dun ou dous partidos de fútbol. E é que, por moito que a RFEF teña aprobada a disputa dunha fase de ascenso exprés entre os catro primeiros clasificados de cada grupo da Terceira, con semifinais e final, Sáez remítese ao propio texto do acordo, sinalando que «falamos de xogar non antes de finais de xullo», e «sempre subordinados á evolución da situación sanitaria», isto é, da marxe de mobilidade social que permita en cada momento o nivel de control da pandemia do covid-19.

Neste punto, o adestrador afirma que, coma equipo non profesional que é, o Arousa vai «case, case en paralelo ao resto da cidadanía». E en todo caso, unha fase por detrás da volta ao traballo dos equipos profesionais. Así as cousas, onte os integrantes do equipo iniciaron un ciclo de «tres semanas de adestramento básico individual», informa Rafa Sáez. Un periodo no que toca traballar con todas as salvagardas precisas de cara a «recuperar o físico e o peso, o nivel de resistencia e de forza dos xogadores evitando lesións logo de tanto tempo desconectados das accións explosivas e de contacto». E «se ás tres semanas nos permiten outro escenario, fantástico», comenta o técnico.

Ese outro escenario do que fala sería o adestramento intermedio, con grupos reducidos de catro ou de cinco futbolistas, inda sen contacto físico. Só tras outras dúas ou tres semanas nesta fase, de ir todo ben, se pasaría ao traballo conxunto de todo o colectivo. «Se temos a posibilidade de facer tres semanas xuntos vai ser suficiente para encarar a fase de ascenso», opina Rafa Sáez, non no mesmo punto de forma ca antes do parón, pero coa vantaxe do aforro de todo ese traballo descomunal que supón en cada pretempada a aprendizaxe das mecánicas de xogo propostas polo adestrador por parte dos futbolistas que chegan de novo ao equipo.

Máis aló da ánalise da situación e do camiño a seguir, Rafa Sáez reitera o dito dúas semanas atrás: «Non é o play-off desexado por ninguén. Pero é a única solución», e manifesta o seu pesar polos afeccionados, porque «queriamos que a nosa xente se conectara, que vivira o ambiente dunha fase na rúa».

Na mesma liña se amosa o presidente do Arousa, Manolo Abalo. Tanto na precaución á hora de dar por feita a disputa da promoción -«Vai depender da sanidade»-, como polo lamento por que os socios só vaian poder seguir o seu equipo pola televisión se as cousas non melloran moito: «Calcúlase que ata finais de xullo non se vai poder disputar a fase. Gustaríame que para daquela haxa cambios, e se non poden ser 4.000 persoas, que sexan 1.000 as que nos poidan ver no campo».

«Estánnos ofrecendo máscaras coas cores do club»

Pese a partir de que os partidos da fase deberán xogarse sen público, o presidente do Arousa apunta que «temos algunhas ideas» para facer visible o extraordinario do regreso do equipo á promoción a Segunda B 27 anos despois. Por agora «non queremos precipitarnos, porque pode ser unha desilusión» se ao final un cambio na evolución da pandemia anula a fase. Abalo só desvelou que «hai empresas que nos están a ofrecer máscaras coas cores do club para os afeccionados. Imos valoralo».