José Manuel Sabucedo: «A mellor maneira de superar con éxito esta crise é que todos nos salvemos»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Sandra Alonso

«A presión de grupo é máis importante que as normas que saen no BOE», afirma o profesor da Facultade de Psicoloxía da USC

12 may 2020 . Actualizado a las 10:17 h.

«As decisións das persoas están baseadas en esquemas moi consolidados e que son difíciles de mudar. Cando enfrontamos unha situación nova como a actual pandemia, non temos crenzas previas ou rutinas constituídas para dar unha resposta. Temos necesidade de saber o que acontece e, sobre todo, como evitar a ameaza, e por iso estamos máis abertos ao que se nos di. E como no primeiro momento do estado de alarma houbo un consenso moi amplo e diverso coincidente en que a única alternativa para un problema tan importante era o confinamento, iso favoreceu que se cumprise de forma moito máis estrita que en países como Portugal, Grecia, Francia ou Alemaña», afirma José Manuel Sabucedo, profesor da USC. Nas últimas semanas está a ser a un referente desde o ámbito das ciencias sociais para explicar a actual crise e as perspectivas.

Participou nun encontro recente da Real Academia Galega de Ciencias sobre o desescalado. Sobre esta nova situación, defende que «a especie humana avanzou e avanza a través da cooperación, da unión para superar adversidades. Unha característica do ser humano é que sabemos que con unión somos quen de superar dificultades. Hai que traballar esa unión polos distintos axentes sociais e os creadores de opinión pública, ten que haber líderes que a fagan posíbel, que fomenten a participación e o diálogo para chegar a consensos e que a cooperación teña vixencia, porque é o único que nos permitirá superar con éxito esta situación difícil agora, xunto ao que vén despois».

As alternativas á cooperación son a confrontación, as divisións e a competencia, «que non axudan a saír disto. Hai dúas maneiras de activar a cooperación. A máis habitual é a dinámica de identificación de grupo, e agora hai que promover identificacións máis globais, máis inclusivas para evitar as confrontacións. E a xente tamén colabora cando é consciente de que existe un desafío, que pode ter un alto custo se non se toma unha decisión adecuada de cooperación, que viría neste caso pola percepción de que cooperando se consegue máis ca estando confrontados».

Sabucedo valora que «a nosa sociedade pode saír moi dividida da crise actual. Xa vimos dunha situación complicada pola desigualdade social existente, que se pode incrementar máis coa crise económica e social que se prevé para cando acabe o confinamento. É por iso que, mesmo pensando cunha perspectiva egoísta, a mellor maneira de superar con éxito esta situación é que todos nos salvemos, que nos convenzamos de que todos gañamos ou todos perdemos; porque que alguén non se coide pode prexudicar a todos».

Este profesor é partidario de «utilizar mensaxes que insistan na necesidade de ter coidado uns dos outros, de aí pode saír a solución para o conxunto. Ten eficacia que se nos diga que as nosas condutas poden ter un impacto negativo sobre outras persoas. E para todas as persoas tamén é moi importante o recoñecemento polo seu grupo de referencia, se non entramos en crise, e podemos aproveitar esa importancia que ten o grupo para a recomendación de boas condutas e evitar riscos, como utilizar máscara, gardar ben as distancias e outras. Porque a presión do grupo é máis importante que todas as normas que saen no BOE».

José Manuel Sabucedo está convencido de que «se nesta etapa de desescalada non somos quen de activar o recurso psicolóxico da cooperación poderá haber enfrontamentos e xogos de estratexia a curto prazo. Por iso penso que debemos esixir seriedade aos representantes políticos e pedir que rendan contas do que traballaron para axudar a superar esta crise».